Seis candidatos para os Cidade de Pontevedra

33

O Rexistro Municipal de Pontevedra recibiu esta mañá seis candidatos aos Premios Cidade de Pontevedra 2011: tres na categoría de persoa física e outros tres en persoa xurídica. Os candidatos son os seguintes:

Persoa física:

Luisa Márquez Rodríguez a proposta da Asociación de nais e pais do IES Luís Seoane de Monte Porreiro. Entre os méritos que glosa a proposta destaca: “A profesora Luisa Márquez desenvolve o seu labor profesional o IES Luís Seoane dende hai 21 anos. Ademais do seu labor profesional, neste centro encárgase deste xeito estable de dúas actividades fundamentais para o centro: o comité UNESCO e o grupo de teatro “Fiuncho”. O seu labor é moi intenso durante os últimos 19 anos, ao longo dos cales ten acumulado  moitos premios e recoñecementos. Entre eles, salientar o premio Marta Mata do Ministerio de Educación. Son numerosos os relacionados coa súa actividade nas Escolas da UNESCO. A Rede P.E.A é a Rede de Escolas Asociadas á UNESCO na que está integrado o IES Luís Seoane desde novembro de 1997. Luisa Márquez é, dende aquela, responsable de todos os proxectos, ademais de coordinadora galega da rede P.E.A desde 2003, e membro do equipo de coordinación estatal das Escolas Españolas Asociadas á UNESCO.

Ademais dun amplo curriculum cos méritos desta profesional, a proposta da ANPA do Luís Seoane destaca “ao marxe do listado máis ou menos completo dos seus méritos e premios, ou quizais de xeito parelelo a el, desde ANPA queremos salientar o significado humano e educativo dese listado, as súas consecuencias para os nosos alumnos e alumnas e para as súas familias. Os nosos fillos están en contacto con outros rapaces de Hispanoamérica, África, doutros lugares de Europa a través de correos electrónicos e postais, intercambiando con eles información, fotografías, intereses, participando con eles en proxectos de gran calado humano, social e histórico; salientando o que os une, o que os irmanda, o que os fai máis parecidos a pesar de seren tan diferentes¬… Educar non é soaemente o que ven nos libros, e iso sábeo moi ben Luísa Márquez Rodríguez, pioneira da educación inclusiva. Luísa é quen de transmitir todo aquilo que non vén nos libros e espertar nos seus alumnos un espíritu crítico e sobre todo de traballo en equipo.

A candidatura de Luisa Márquez Rodríguez conta cos apoios da Asociación de Veciños El Mirador, Consello escolar IES Luís Seoane, Rede Plan de Escuelas Asociadas de la UNESCO, Federación de ensino sindicato comarcal CC OO, director IES Luís Seoane, Escola Viva (Movemento de renovación pedagóxia), Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e FANPA-Pontevedra.

Álvaro Fernández Fiuza (Pontevedra, 1982) a proposta da Asociación Turoqua. Entre os méritos que glosa a proposta destaca: “Álvaro Fernández Fiuza é probablemente o deportista nado en Pontevedra más laureado da historia da cidade. A distinción á súa carreira é un premio tamén a un deporte ingisnia desta cidade: o piraguismo. Prémiase a súa adicación, esforzo, constancia e responsabilidade xa que é, ademais, pai de familia e policía nacional de profesión, sendo capaz de manterse no máis alto en todas e cada unha das facetas da súa vida.

O seu historial é o que segue:
• 11 campionatos de España e varias medallas de plata e bronce nas modalidades de fondo, ríos e travesía.
• Dúas regatas Príncipe Felipe de Asturias. 2007 e 2008 Pontevedra.
• Dous descensos Internacionais do Sella. 2010 e 2011. Ribadesella
• Campión de Europa de Maratón. 2009. Polonia
• Subcampión de Europa de Maratón. 2011. Francia
• Tres veces campión do Mundo. 2009, 2010, 2011. Portugal, Banyoles e Singapur.

Na súa traxectoria deportiva e profesional destaca que foi a súa irmá quen o introduce en 1994 no mundo do piraguismo, no Club Naval de Pontevedra, onde se forma como piragüista. Durante a súa estancia no Club Naval compite en copas do mundo e campionatos de Europa dentro da categoría xuvenil.

En 2003, ficha polo Club Piragüismo Poio e ao ano seguinte entra no equipo nacional sub-23 e pronto acada o equipo nacional absoluto. No ano 2007 inicia un proxecto deportivo no Club ADZ Zamora, regresa a Pontevedra e inicia a preparación das oposicións ao Corpo Nacional de Policía. Pásase á modalidade de longa distancia e colleita éxito como o Príncipe de Asturias e o Descenso Internacional do Sella.

No 2008 compaxina estudos e piragüismo. Vive a cabalo de Pontevedra, Ávila e Zamora, e participa no seu primer mundial de Maratón. En 2009, traballando en Pontevedra, consigue o doblet de campionato de Europa e do mundo. Seguidamente sigue obtendo campionatos do mundo.

A candidatura de Álvaro Fernández Fiuza conta co apoio do Club Naval de Pontevedra.

Ramón Touza Piñeiro a proposta da Federación de Asociacións de Veciños Teucro, presidente da Sociedade Ximnástica de Pontevedra. A Sociedade Ximnástica ten unha longa tradición na cidade de Pontevedra polos éxitos acadados dende a súa constitución ata os nosos días, ó frente desta entidade atópase dende fai máis de quince anos Ramón Touza Prieto, que fronte dunha xunta directiva con moitas gañas e desexos foi quen de lograr que hoxe en día sexa un dos emblemas da cidade e nos represente na categoría de honra do atletismo español, xa que actualmente o seu equipo masculino participa na primeira categoría a nivel nacional, xa que actualmente o seu equipo masculino participa na primeira categoría a nivel nacional e codéase cos mellores atletas. Ademais, as outras categorías do club tamén compiten a un nivel importante e a escola de atletismo atende a máis de cen rapaces que ven no atletismo un medio para desenvolver as súas apetencias deportivas.

A Sociedade Ximnástica organiza ao longo de todo o ano numerosas probas deportivas cunha ampla participación da cidadanía pontevedresa e mostra delo foi a última edición da San Silvestre na que bateron o record doutro ano ca participación de máis de 2.400 cidadáns que quixeron despedir o ano dun xeito saudábel.

Consideramos que a traxectoria ao longo de todos estes anos ao fronte desta institución fanno merecedor do Premio Cidade de Pontevedra no seu apartado de persoas físicas”.

Categoría de Persoa Xurídica:

Hifas da Terra a proposta de AEMPE e co apoio de AJE. A proposta recolle que “Hifas da Terra creouse como unha empresa de biotecnoloxía aplicada á micoloxía, sendo  pioneira na elaboración de complementos alimenticios, partindo de extractos puros de fungos, sendo un viveiro de castaños híbridos.

Creada en 1999 da man de Catalina Fernández e Ana Portela, iniciou como unha empresa de producción de setas biolóxicas, para especializarse no cultivo ecolóxico de diferentes variedades de setas en un microclima único, nas Rías Baixas.

Hifas da Terra estivo moi comprometida co monte galego e realizou unha selección entre o castiñeiro galego e o xaponés, dando como resultado unha selección de híbridos resistentes á enfermidade de tinta e con grande producción tanto de madiera como de castaña de calidade (que se emprega para o marrón glacé).

Continuou con un proxecto de micorrización de Boletus Edulis na planta seleccionada, consistente na implantación do fungo na raíz, para axudala no seu crecemento e lograr, así, unha mellor calidade do boletus.

Hoxendía é unha empresa pioneira en Europa por todas as innovacións que leva a cabo.

Ten un amplo curriculum de méritos e recoñecementos como
• Premio de Excelencia á Innovación para mulleres rurais 2011, outorgado polo Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño.
• Premio Joven Empresario de Galicia 2010, outorgado pola AJE.
• Recoñecemento das boas prácticas empresariais por parte do IGAPE, 2010.
• Premio “Alimentación ecológica y biodiversidad 2008”, concedido polo Ministerio de Medio Ambiente 2008.

Comunidade de montes da parroquia de Salcedo a proposta da Federación de veciños Teucro. A proposta recolle que “Salcedo é un exemplo dunha loita que se remonta, por desgraza, a moitos anos antes da chegada do franquismo, xa que no ano 1905 instálase o primeiro cuartel do exército, nun acto de ocupación contra os veciños apoiado daquela polo Concello. Esta situación xenerou numerosos enfrontamentos, xa que deixaba os comuneiros sen medio fundamental na súa vida e actividade agraria.

Desde agresións pasando por detencións, e no mellor dos casos polo trato vexatorio, os veciños de Salcedo tiveron que sofrer as consecuencias diante de intentos de facer unha vida normal dentro das terras comunais.

En 1966, ese cuartel pasa a ser centro de instrucción de reclutas ata a desaparición do servizo militar, continuando como o que é coñecido actualmente Brilat.
Nesta última etapa, cando a partir dos anos 80 iníciase a devolución dos montes veciñais en man común, Salcedo asistía impasible a ver como non se restituía o que fora no seu día ocupado, iniciándose unha nova etapa de reclamacións e mobilizacións ata chegar o momento actual xa coñecido por todos pola súa transcendencia.

Por elo, Salcedo conta con todos os ingredentes para ser un espello de todas as xeneracións, e un modelo de loita veciñal por alto de seu. Coa proposta de concesión do premio Cidade de Pontevedra na modalidade colectiva, a Comunidade de montes veciñais en man común de Salcedo, queremos recoñecer unha serie de valores de hoxendía debemos de destacar, sobor de todo nos tempos que corren, así, fronte á individualidade, ao traballo colectivo, ao común, ao movemento asambleario, á solidariedade e á defensa da terra”.

Asociación de pais e persoas con síndrome de Down "Xuntos" a proposta de Asociación Juan XXIII. A proposta recolle “esta entidade conta cunha extensa traxectoria na dinamización e potenciación de servizos e actividades de apoio dirixidas ás persoas con Síndrome de Down de Pontevedra co obxecto de mellorar a súa calidade de vida. Todos os logros conseguidos neste eido son sempre grazas ao esforzo, implicación, tenacidade das persoas que conforman Xuntos.

Down Pontevedra ten como fin xeral mellorar a calidade de vida das persoas coa Síndrome de Down ou outra discapacidade intelectual. Para acadar este obxectivo, centra os seus esforzos e actuacións na consecución dos seguintes fins: fomentar a constitución de asociacións en aqueles lugares nos que  non se cubra a atención das persoas con síndrome de Down, estimular as relacións entre os seus membros, impulsar e potenciar os obxectivos e as actividades dos seus membros, estudar e promover disposicións legais que garantan os dereitos das persoas con síndrome de Down e outros tipos de discapacidade intelectual, establecer programas e accións encamiñadas a promover estudos científicos sobre a síndrome de Down, promover e realizar campañas de información e mentalización social para difundir o coñecemento e a realidade das persoas coa Síndrome de Down…

Para prestar os apoios necesarios ás persoas, Xuntos desenvolve programas nas seguintes áreas:
• De atención tempera´.
• De educación.
• Formación e emprego
• Vida adulta e independente
• Complementaria
• Transversal
o Programa de familias
o Programa de sensibilización.
 

COMPARTIR