Mellora e recuperación da parcela situada entre a igrexa, o IES Luís Seoane e a Escola Infantil en Monte Porreiro

85

A Concellaría de Parques e Xardíns, que coordina a concelleira Anxos Riveiro, iniciou a pasada semana os traballos de roza, limpeza e mantemento no barrio de Monte Porreiro, continuando a roza inicial que fixeron os servizos de limpeza nunha parcela de titularidade municipal situada ao carón da igrexa católica do barrio e do instituto Luís Seoane.

Os traballos da brigada de Parques e Xardíns foron máis alá e extendéronse ata a parte traseira da escola infantil de Monte Porreiro, cubrindo todo o noiro ata o parque público da zona. Consistiron na roza do terreo, no seu tratamento, poda de arborado, consolidación de árbores autóctonas que naceron na zona… Tamén se acondicionaron unhas escaleiras que conectan toda a parcela dende a parte superior ata a escola infantil.

Estas tarefas permiten mellorar a seguridade en todo este ámbito onde están situados lugares de gran afluencia de persoas como o instituto ou a igrexa, e a futura escola infantil. Ademais, mellora a panorámica visual nesta parte do barrio dado que se pode contemplar a canle do río Lérez, e mellora a calidade de vida das persoas que residen neste entorno.

Estes traballos están incluídos dentro do compromiso do concelleiro do barrio, Luís Bará de manter en condicións óptimas a parcela de titularidade municipal (que será  cedida ao Instituto Luís Seoane) e mellorar este entorno.