O Concello non pedirá a revisión da ponencia de valores do Catastro

15

O Concello de Pontevedra reitera a súa aposta pola persecución do fraude fiscal e non polo incremento indiscriminado dos impostos aos cidadáns, como política que deben impulsar os gobernos nestes momentos de crise. É por isto, que o concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González aseverou esta mañá que o Goberno Local non presionará ao Goberno central para que elabore unha nova ponencia de valores do Catastro, que esixiría revisar todos os valores dos inmobles do municipio incrementando fortemente o recibo do Imposto de Bens Inmobles (IBI) para todos os pontevedreses.

Raimundo González lembra que a última ponencia do catastro en Pontevedra data do ano 2000 e as revisións fanse cada dez anos, é dicir, a Pontevedra corresponderíalle partir do ano 2010. A orde de revisión da ponencia catastral arranca do Goberno Central, sempre que pasasen eses dez anos de vixencia da anterior, tal e como recolle a lei correspondente.

É certo, que esta revisión faise con coñecemento dos concellos. Por iso Pontevedra adianta que non presionará para que se faga a revisión da ponencia catastral, especialmente nestes momentos de crise tan acusada como a que están a vivir todos os cidadáns.

É nesta liña polo que o Concello rexeita radicalmente a subida do 10% que esixe o Goberno do Estado a todos os pontevedreses tal e como esixe a lei.

Tamén lembra que o Goberno Central pode impoñer ao Concello de Pontevedra a revisión desta ponencia catastral ao longo deste ano 2012.