Comezan os traballos de accesibilidade e consolidación das rotondas de José Malvar e Doce de Novembro

82

A Concellaría de Mobilidade inicia este mércores, 18 de xaneiro, traballos de accesibilidade e mobilidade na rúa Pintor Laxeiro co acceso á ponte dos Xulgados, e tamén rematará as rotondas provisionais das rúas José Malvar e 12 de novembro. Estes traballos anunciados esta mañá polo portavoz do Goberno, Raimundo González pódense iniciar unha vez que se fixeron diversos estudos sobre o comportamento de tráfico que tiveron os novos viarios que se puxeron en funcionamento o pasado 12 de outubro: a ponte sobre os xulgados e o acceso de Valdecorvos.

Este mércores a empresa E.C.Casas, adxudicataria dos traballos, comezarán a variar a traza no curzamento da rúa Pintor Laxeiro co acceso da nova ponte dos Xulgados. Nesta primeira fase dos traballos non se invadirá a calzada polo que non será preciso alterar o tráfico.

Nunha segunda fase está previsto o fresado e asfaltado das rotondas de Doce de novembro e José Malvar, así como a súa consolidación (neste momento son provisionais). Tamén na rúa Doce de Novembro, cara Eduardo Pondal, farase un paso de peóns elevado máis próximo á rotonda, mellorando a seguridade peonil en toda esa zona.

  O orzamento de todos estes traballos é de 151.000 euros.