Chega o entroido! Consegue o teu recortable!

43

O Concello de Pontevedra e o debuxante Kiko Dasilva volveron a sorprender aos pontevedreses co carte do Entroido 2012 que foi presentado no Concello de Pontevedra pola concelleira de Festas, Carme da Silva e o propio debuxante.

Nesta ocasión, o cartaz recrea a botica de Don Perfecto Feijoo dende o exterior. Aparece o boticario acompañado do seu inseparable Loro Ravachol e a Condesa de Pardo Bazán, xunto á botica que cada ano se instala na praza da Peregrina coa chegada do Entroido.

Kiko Dasilva explicou que "cada ano é máis difícil inventar algo diferente para o entroido de Pontevedra. E este ano pensei que os pontevedreses poderían ter a botica na súa casa. Neste ano que están tan de moda os recortes, decidín facer un recortable que se entregará co programa do entroido que se poderá montar na casa". É unha proposta dirixida, especialmente, aos máis pequenos.

Onte, na presentación do cartaz, tamén se amosou unha maqueta semellante a que poderán facer os pontevedreses na súa casa (aínda que de dimensións inferiores). Esta maqueta exporase no Concello de Pontevedra durante todo o entroido para todas as persoas que queiran gozar dela.

A concelleira de Festas explicou que nos vindeiros días presentarase o programa do entroido dado que falta por ultimar só un dato e levalo a imprenta. Pero si adiantou que haberá importantes novidades para encher de contido toda a semana de entroido que mantén os cambios da pasada edición: o venres será a parodia e o sábado, o enterro de Ravachol. Carme da Silva explicou que se mantén así porque foron moi boas as opinións e referencias que obtiveron de todas as persoas que participan activamente no entroido pontevedrés.

Lembrou que o ánimo da Concellaría de Festas é que "sexa cal sexa a situación económica de cada unha das persoas, todos teñan dereito a participar das actividades festivas que organiza o Concello de Pontevedra, de tal xeito que se logre unha participación activa nas festas de Pontevedra".

COMPARTIR