Comezan os contactos coas asociacións do centro para crear os consellos territoriais urbanos

82

Os concelleiros Luís Bará e Anxos Riveiro manteñen esta tarde unha reunión cos veciños do barrio da Parda no cruzamento da rúa Pintor Laxeiro con Conde Bugallal, onde o Concello está a realizar obras de mellora da accesibilidade, seguridade viaria e mobilidade neste punto coa ponte dos Xulgados.
Esta é a primeira visita dunha rolda de contactos que os concelleiros con delegacións territoriais nos distintos barrios da cidade iniciarán entre as asociacións, colectivos e entidades dos barrios urbanos. Luís Bará, Anxos Riveiro e Carmen Fouces pretenden:

  • estudar a creación de consellos territoriais alí onde existan asociacións que permitan o funcionamento destes órganos de participación
  • manter un diálogo permanente coas entidades representativas tanto de nivel xeral (asociacións veciñais) como sectorial (asociacións de comerciantes, anpas, asociacións culturais…). Un traballo que os concelleiros xa veñen facendo dende a constitución do Goberno Local e a creación das concellarías con delegación territorial.
  • coñecer as demandas e necesidades dos barrios de cara a planificar e priorizar as actuacións municipais.

Nestes encontros abordaranse temas como o mantemento e mellora dos espazos públicos, zonas verdes, zonas de xogo infantil…, seguridade viaria, mobilidade, accesibilidade, dotación de equipamentos socioculturais, conservación e mantemento da rede viaria, servizos de abastecemento de auga e saneamento ou a limpeza viaria.
A reunión desta tarde cos veciños da Parda está inscrita dentro deste modelo de participación social, que terá continuidade en vindeiras semanas noutros barrios e zonas da cidade como Eduardo Pondal-Estación, Campolongo, Centro Histórico, O Burgo, Moureira, San Antoniño…
En canto á reunión desta tarde, os concelleiros abordarán distintos temas, entre eles o acondicionamento do novo local social da zona leste da cidade. Un baixo na rúa Estrada de 450 metros cadrados distribuído para diferentes usos veciñais cun orzamento de máis de 380.000 euros.

Accesibilidade, seguridade viaria e mobilidade
Tamén de especial relevancia son as obras de mellora da accesibilidade e mobilidade que o Concello está a facer no cruzamento das rúas Pintor Laxeiro coa nova ponte dos Xulgados. Unha das principais vias de penetración na cidade logo do peche de Loureiro Crespo.
Estase a ampliar a beirarrúa no entronque de Pintor Laxeiro con Conde Bugallal, e tamén se vai a mellorar a accesibilidade e a mobilidade tanto peonil como para vehículos na semi-rotonda que une Pintor Laxeiro coa nova ponte. Neste punto vaise recortar a beirarrúa para que o tramo final da calzada teña unha traza máis recta e facilite a manobra de vehículos longos como os autobuses ou camións.
Outros temas que se abordarán na reunión desta tarde é a proposta de conexión peonil entre Santa Teresa de Jesús Jornet coa nova ponte mediante a creación dunha rampla, o que permitirá mellorar a conexión desta rúa que remata nun fondo de saco, ademais é unha petición veciñal.
Preténdese completar a mellora da accesibilidade peonil en Conde Bugallal que está pendente da retirada dos postes de telefónica e da iluminación pública, así como mellorar o parque infantil dos Xulgados.
Tamén abordarán as demandas da mellora da limpeza e accesibilidade na rúa Campo Santo; ou a limpeza das marxes e o pintado de Pedra do Lagarto. A conservación e mantemento das zonas verdes é outro dos temas a tratar ao igual que as posibles necesidades de mobiliario urbano no barrio e a avaliación do funcionamento da rede viaria unha vez postas en funcionamento as novas vías e a reordenación do tráfico planificada na zona.
O concelleiro Luís Bará manterá a continuación dúas reunións coas directivas e ampas dos centros educativos do Sagrado Corazón e do Conservatorio de Música para tratar temas relativos aos accesos aos centros, seguridade viaria, accesibilidade, iluminación pública, transporte escolar…