Último trámite para a velocidade 30 km/h no rural

87

A modificación da ordenanza de circulación para moderar a velocidade nas pistas do rural e o trámite ambiental do desdobramento da avenida de Vigo son dous dos temas que tratará a Comisión de Infraestruturas o vindeiro martes. O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera anunciou onte que a Comisión terá un nutrido contido relevante para o futuro das infraestruturas na cidade.

Un dos temas que se abordará será "o penúltimo paso para a aprobación da modificación da ordenanza de circulación que modera a velocidade nas pistas municipais no concello", explicaba Mosquera que indicaba que só recibiu unha alegación da Asociación de Transportistas con sede en Vigo, que reclamaban a eliminación da velocidade 30 km/h na cidade, que non ten relación co que agora se trata polo que será desbotada.

César Mosquera explicou que unha vez tratada en comisión, abrirase un período de exposición pública antes de ser aprobada polo Pleno Municipal. De todos os xeitos, xa adiantou que existe unha tendencia entre os veciños do rural que pretende o endurecemento da norma. A modificación da ordenanza fixa unha velocidade de 40 km/h no rural, e os veciños piden que se fixe un máximo de 30 km/. Por iso, Mosquera adiantou que a norma xeral será a indicación da velocidade máxima de 30 km/h salvo naquelas pistas de moi pouco tránsito e escasa problemática que se poderá sinalar a 40 km/h.

A Comisión de Infraestruturas tamén tratará a tramitación ambiental do desdobramento da avenida de Vigo unha vez que a Oficina técnica do Concello adaptase o proxecto. O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera explicou que, en principio, o Concello non debe temer pola transferencia de fondos do Estado para a execución deste viario.