O III Club de Debate xa está en marcha!

101

O Pazo da Cultura acollerá este sábado, 4 de febreiro, a semifinal do III Club de Debate de Concello de Pontevedra, que comezará ás 10.00 horas.  Con esta actividade, a Concellaría de Normalización Lingüística en colaboración cos Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino secundario, busca dinamizar do uso da lingua galega mediante o traballo da fluidez comunicativa e o pensamento crítico e analítico sobre temas de actualidade.

Nesta fase semifinal participan 47 alumnos/as pertencentes aos institutos: IES Valle Inclán, IES de Poio, IES A Xunqueira 1, IES Ponte Caldelas e IES Luís Seoane. O tema a debater será “A democracia actual permite a participación cidadá?”.

Os dous equipos que pasen esta semifinal enfrontaranse o vindeiro sábado 11 de febreiro, ás 11.30 h, no salón de actos do Café Moderno. Despois do debate, o xurado anunciará cal é o equipo gañador e terá lugar a entrega de premios.

O equipo campión recibirá un vale de 500 euros para mercar libros e/ou banda deseñada en galego, e o acceso á fase final galega e, o equipo finalista, será premiado cun vale de 300 euros, tamén para mercar libros e/ou banda deseñada en galego.

III Club de Debate do Concello de Pontevedra

Obxectivos da actividade:
Favorecer o emprego da lingua galega na mocidade, especialmente o uso oral en contextos formais e informais.
Traballar no afondamento e no coñecemento dunha das habilidades sociais máis importante: a fluidez comunicativa, ligada á oratoria.
Incitar o pensamento crítico e analítico sobre temas de actualidade, deixando de lado os estereotipos da mocidade en canto intereses e preferencias.
Fomentar a diversidade de opinións, a tolerancia fronte a diferentes cuestións e o traballo en equipo.
Colaborar cos ENDL dos centros de ensino secundario no labor de dinamización do uso da lingua galega para acadar a normalización do idioma.

Membros do xurado:
Álvaro Xosé López Mira profesor de Ciencia Política no Grao en
   Dirección e Xestión Pública da Universidade de Vigo, no campus de
   Pontevedra; autor de A Galicia irredenta (1998) e Portugal, a
   rexionalización imposible (2002), entre outros.

Manuel Artime, docente na Universidade Nacional de Educación a
   Distancia (UNED) e membro da Aula Castelao de Filosofía.

Anxos Sobriño, técnica do Equipo Lingüístico da Audiencia Provincial
   de Pontevedra e membro da Coordinadora de Técnicos de Normalización
   Lingüística (CTNL)

Ástrid Filgueira, docente, especialista en lingua galega e membro da
   Rede de Entidades Amigas de Lingua (REAL)

Ernesto Vázquez-Rey Farto, membro da Comisión de seguimento do Plano
   de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña e
   vicecoordinador da Comisión de Normalización Lingüística da
   Facultade de Dereito desta mesma universidade.


Equipos participantes:
EQUIPO IES COORDINADOR/A ALUMNOS/AS INSCRITOS
A IES Valle Inclán Manuel Lastra  9 alumnos
B IES A Xunqueira 1  Manuel Reboredo 10 alumnos
C IES Ponte Caldelas Mª Xesús Diéguez 10 alumnos
D IES de Poio Alberto Lago 9 alumnos
E IES Luís Seoane Luís Pereiro 9 alumnos

 

Calendario:
FASE DATA, HORA E LUGAR TEMA
PRELIMINAR Sábado 4 de febreiro, ás 10 h, no salón de actos do Pazo da Cultura A democracia actual permite a participación cidadá
FINAL Sábado 11 de febreiro, ás 11.30 h, no Café Moderno A lingua galega precisa ter un estándar


Desenvolvemento da fase preliminar:
HORARIO EQUIPOS
9.30h – 10h Chegada dos equipos; recollida de material e asignación dos seminarios
10h-11h Debate A – D: IES Valle Inclán – IES de Poio
11h-12h Debate B – E: IES A Xunqueira 1 – IES Luís Seoane
12h-12.30h Pausa – café
12-30h-13.30h Debate C – A: IES Ponte Caldelas – IES Valle Inclán
13.30h-16h Xantar
16-17h Debate B – D: IES A Xunqueira 1 – ES de Poio
17-18h Debate C – E:  IES Ponte Caldelas – IES Luís Seoane
18.30h Coñeceranse os equipos que van pasar á final e as puntuacións dos debates

Mecánica de cada debate:
O/A coordinador/a de cada equipo preséntalle a folla de composición do equipo á presidencia do xurado.
A presidencia do xurado presentará os equipos
Sorteo das posturas a favor e en contra entre os 2 equipos
A presidencia do xurado dá a coñecer as posturas
Iníciase o debate de acordo co procedemento establecido no regulamento (punto 10.4):
– A postura a favor será a que comece o debate.
– As quendas de participación dos equipos durante os debates seguirán esta orde:
  AF (A favor) Exposición inicial: 5 minutos.
  EC (En contra) Exposición inicial: 5 minutos.
  AF Refutación: 5 minutos.
  EC Refutación: 5 minutos.
  AF Refutación: 5 minutos.
  EC Refutación: 5 minutos.
  EC Conclusións: 3 minutos
  AF Conclusións: 3 minutos.
  Duración total do debate: 36 minutos.
O xurado elabora a acta, que non se dará a coñecer ata o remate da xornada.


Premios:
Equipo campión: un vale de 500 euros para o equipo, para mercar libros e/ou banda deseñada en galego, e o acceso á fase final galega.O equipo gañador tería tamén como premio final unha viaxe de fin de semana para 20 persoas.

Equipo finalista: un vale de 300 euros para os membros do equipo, para mercar libros e/ou banda deseñada en galego.

A entrada ás dúas sesións do Club de Debate é de balde.

Ver documento PDF