Luís Bará analiza cos veciños de Loureiro Crespo a evolución das obras do tren do Eixo Atlántico

68

Cumprindo co compromiso acadado cos veciños, o concelleiro de Mobilidade, Luís Bará mantén esta tarde unha reunión informativa cos residentes e comerciantes da rúa Loureiro Crespo para explicarlles o estado de desenvolvemento dos traballos do tren do Eixo Atlántico nesta rúa, dado que nesta semana producirase a apertura parcial da pasarela peonil.

Esta reunión vén acompañada de previas e numerosas visitas á rúa, e a diversas conversas con residentes e comerciantes, especialmente da zona máis próxima á obra, durante todas estas semanas. Luís Bará quixo manter informados en todo momento aos veciños do desenvolvemento dos traballos, abrindo unha vía de diálogo que canaliza todas as suxestións, queixas ou propostas que fosen xurdindo, como mellor fórmula de participación cidadá. De feito, Luís Bará quere agradecer á veciñanza a súa colaboración para o bo desenvolvemento das obras.

Na reunión desta tarde, o concelleiro de Mobilidade quere abordar tanto o estado e calendario das obras do tren do Eixo Atlántico como a situación da rúa Loureiro Crespo dentro do Plan de Mobilidade do Concello.

Sobre as obras do tren, informará de que mañá, 3 de febreiro, está previsto a apertura parcial da pasarela peonil sobre a vía do tren retirando os valos máis próximos aos edificios e tamén ao lado sur (cara Joaquín Costa). O peche manterase na zona axardinada da rúa Doce de novembro que seguirá sendo espazo de acopio de material e maquinaria.

Nos próximos días seguirá habendo novidades na zona. Está previsto que se inicie a construción dunha rampla accesíbel dende a cuberta ao paso de peóns provisional habilitado na metade da rúa Doce de novembro. Esta rampla será supervisada polos técnicos municipais para que cumpra a normativa.

Esta rampla está xustificada porque nos vindeiros días tamén está previsto pechar o paso peonil pola beirarrúa da ponte de Loureiro Crespo, máis próxima a José Malvar.

En canto ao resto de fases das obras, desenvólvense a bo ritmo, segundo as informacións das que dispón Luís Bará. Existe a previsión de que poidan rematar a finais de marzo ou a comezos de abril. Está construído o taboleiro central da ponte, están instalados os novos servizos de auga, saneamento, gas, fibra óptica…

Tal e como se  pode observar no plano adxunto que foi entregado pola empresa no inicio das obras, a primeira fase leva un retraso aproximado dunhas tres semanas, unha demora asumible nunha obra desta envergadura.

Plan de Mobilidade

No tocante ao Plan de Mobilidade en Loureiro Crespo, o concelleiro Luís Bará presentará na reunión as alternativas para o treito entre Doce de Novembro e a avenida de Lugo, é dicir, sentido único de circulación, pendente de determinar si é de entrada ou de saída.

Tamén informará do inicio das obras na rotonda de Doce de Novembro coa nova ponte dos Xulgados. Unha vez rematados os traballos de correción do trazado na saída da ponte coa rúa Pintor Laxeiro que facilita os xiros dos vehículos nesta zona, hoxe mesmo comezou o fresado da rotonda entre a citada ponte e Doce de Novembro. Estes traballos non afectan ao tráfico dado que se están a facer con cortes puntuais e regulando a circulación con operarios.

Estas obras completaranse coa instalación dun paso de peóns elevado na baixada a Eduardo Pondal e a construción da rotonda, dado que ata o de agora era provisional. Tamén comezará nos vindeiros días a construción da rotonda definitiva entre José Malvar e o novo viario con Valdecorvos.

Salgueiriños

Antes de reunirse cos veciños e comerciantes de Loureiro Crespo, Luís Bará manterá un encontro con residentes do barrio dos Salgueiriños que viviu nos últimos meses unha profunda transformación: a reforma integral do barrio que foi complementada con moito acerto co embelecemento das fachadas dos edificios acometido polos propietarios en colaboración coa Asociación de veciños Manuel Quiroga-Pedra do Lagarto, e a empresa Mercadona.

Os Salgueiriños é agora un barrio colorista e alegre que llo dá o tono rosado, vermello, azul, granate ou verde das súas fachadas. Este pintado complementouse coa limpeza e encintado dos muros dos edificios, limpeza de canalóns, reparación e limpeza das cubertas… e outros moitos traballos que se fixeron dos Salgueiriños un barrio singular e moi atractivo que conta cunha elevada calidade de vida no pleno centro da cidade.

Nesta visita, o concelleiro explicou que ao longo deste mes comezarán uns traballos de reparación dos pavimentos de formigón do barrio que se están a levantar debido a un defecto dos materiais. O Concello púxose en contacto coa empresa Constructora Crespo, adxudicataria da obra, que logo de comprobar esta deficiencia anunciou que ao longo deste mes procedería a súa reparación, dado que a obra aínda se atopa en garantía.