O Concello apoia á concentración contra a privatización da Escola Infantil de Monte Porreiro

49

O Concello de Pontevedra fai un chamamento a toda cidadanía, e en especial aos veciños e veciñas de Monte Porreiro, para que apoien a concentración convocada polo barrio en contra da privatización da xestión da Escola Infantil de Monte Porreiro que o Consorcio da Xunta de Galicia ten pensado por en marcha a partir do 1 de Marzo.

A concelleira de Benestar Social Municipal, Carmen Fouces, lembra que o Concello de Pontevedra invertiu case un millón de euros na construción e no equipamento da Escola máis alá do que sería obrigado polo convenio que no seu día asinou coa Xunta de Galicia. Un gran esforzo que se fixo pola importacia que ten este servizo para un barrio como o de Monte Porreiro, conseguindo así que sexa un dos barrios mellor dotados da cidade.

Despois deste esforzo inversor, “o Consorcio Galego sorpréndenos coa pretensión de establecer unha xestión privada para a Escola, cando as da Parda e a do Campus naceron co mesmo convenio e dispoñen de xestión pública -como non podería ser doutro xeito-, xa que se trata dun servizo público dirixido a cubrir a etapa educativa de 0-3 anos, definida la LOE como tal”, asegura a concelleira Carmen Fouces.

Para o Concello de Pontevedra, este primeiro paso na privatización dos servizos públicos trae como consecuencia a posibilidade da diminución da calidade na atención dos nenos e das nenas beneficiarios, a explotación de bens públicos pagados cos recursos de toda a cidadanía por parte dunha empresa que persegue licitamente beneficios empresariais e temor a que isto só sexa o principio dunha planificación deseñada para o desmantelamento do proxecto educativo de alta calidade co que naceron estas escolas.

Por todo isto, o Concello de Pontevedra insta a todas as persoas de Pontevedra que apoien esta mobilización encamiñada a presionar a Xunta para que reconsidere a súa decisión.