Comeza a rescisión do contrato da canceira

80

 A Xunta de Goberno aprobou esta mañá o inicio do expediente de resolución contractual da canceira por mutuo acordo. O portavoz do Goberno, Raimundo González explicou que xa houbo reunións coa empresa que está de acordo na rescisión do contrato. O importe de resolucion axústase a 67.000 euros en conceptos da obra xa feita, de instalacións de grúas…

Raimundo González lembrou que a adxudicación das instalacións da nova canceira na parroquia de Cerponzóns era de 913.000 euros, e xa constaba unha proposta de modificación de máis do 10%, co cal superaría o millón de euros. "Deste xeito liberamos 900.000 euros", explicou González.

O portavoz do Goberno tamén asegurou que esta decisión está consensuada coa Asociación Palleiros, encargados da xestión da canceira, que apoia a decisión do Concello e comparte que se trata dunha inversión moi importante nestas circunstancias de crise económica.

O Concello adquiriu o compromiso de adecentar a actual canceira, facendo traballos de limpeza, adecentamento, e outros traballos que poderán facer as brigadas municipais de obras. Todos os traballos de mellora que se farán na actual canceira serán consensuados con Palleiros.

Raimundo González tamén descartou a posibilidade de mancomunar o servizo porque tería un custe superior ao plantexamento no que están deacordo o Concello e protectora. De feito, Raimundo González asegurou que se trata de manter unhas instalacións dignas, dado que o abandono de cans é unha problemática social na que os pontevedreses, cos seus cartos, están resolvendo o compartamento incívico dun pequeno número de persoas que deciden abandoar estes animais.