Deportes e a Federación Galega de Piragüismo converterán Verducido en epicentro da competición nacional en 2012

75

Pontevedra será o epicentro da competición nacional no deporte do piragüismo. A Concellería de Deportes e a Federación Galega asinarán un convenio que permitirá celebrar ata o verán na pista do encoro do Pontillón de Castro un total de catro probas entre Copas e Campionatos de España; ademais do habitual Torneo Internacional Príncipe de Asturias, que se desenvolverá nas augas da ría a principios de agosto.
O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, e o presidente da Federación, Alfredo Bea García, mantiveron hoxe unha xuntanza moi produtiva, na que se acordou asinar un convenio de colaboración que faga posible o financiamento do programa. O convenio terá un importe mínimo de 18.000 euros, que poderían ser mesmo máis, porque a idea e xuntar nun mesmo documento toda a colaboración económica municipal. É unha aposta municipal pola atracción de eventos e pola simplificación administrativa das nosas relacións coa federación, explicou o edil.
Alfredo Bea confirmou que xa está traballando na organización de tres probas en Verducido. En primeiro lugar, as dúas probas da Liga Nacional División de Honor, Hernando Calleja: trátase, por unha banda, da Copa de España sénior de 1.000 metros, que se celebrará entre o 14 e o 15 de abril; e da Copa de España sénior de 200 e 500 metros, a celebrar entre o 12 e o 13 de maio. O calendario completábase co Campionato de España de Novas Promesas (que á súa vez é o III Campionato de España por Federacións Autonómicas nas categorías de Infantís e Cadetes), a celebrar o 28 e 29 de xullo. Finalmente, ao acadarse o compromiso de financiamento estable por parte do Concello, a Federación Galega incorpora tamén a Copa de España de Cadetes Promesas de 1.000 metros, con datas previstas para o 26 e o 27 de maio.
Agustín Fernández amosouse moi satisfeito de poder concretar esta programación, dado que cada unha das probas atrae un mínimo de 500 deportistas. Especial tirón vai ter o Campionato de España de Novas Promesas, que mobiliza preto de 650 palistas, polo que, tendo en conta todos os eventos e a afluencia de acompañantes, non é difícil calcular que o piragüismo atraerá a Pontevedra a máis de 3.000 persoas ao longo do ano. Ademais, destacou, cubrimos axeitadamente o mes de abril, no que non tiñamos previsto ningún evento.
O concelleiro de Deportes tamén valorou especialmente o feito de que Pontevedra será a cidade española que acollerá un maior número de competicións nacionais durante 2012. Ao contar cunha instalación tan axeitada como a de Verducido, engadiu, a obriga de todas as institucións é enchela de contido.
O presidente da Federación Galega quixo destacar que este convenio co Concello de Pontevedra tamén significa un claro apoio deportivo e económico aos 35 clubs da provincia e, por extensión, a todos os clubs galegos. Ao celebrarse catro probas de rango nacional en Pontevedra, os clubs teñen a oportunidade de desprazar á competición a un número máximo de palistas, cousa que non sería posible de celebrárense fóra da nosa comunidade. Ao tempo prodúcese un importante aforro nos desprazamentos, que mesmo está estimado en máis de 3.000 euros por club.