A Concellería de Promoción Económica introduce aos comerciantes no marketing online e as redes sociais

61

Axudar aos comerciantes e empresarios pontevedreses a alcanzar os máis altos índices de competitividade é o obxectivo do Obradoiro de Comunicación, Redes Sociais e Marketing online. A concelleira de Promoción Económica, Carlota Román García, presentou hoxe esta nova iniciativa do seu departamento.
A concelleira socialista explicou que moitas veces critícase aos comerciantes dicindo que os establecementos están anticuados e que non se adaptaron aos tempos. Boa parte destas críticas son inxustas porque no comercio, como en todos os sectores, hai de todo. Hai comercios magníficos que fan un esforzo de modernidade, nos que hai unha magnífica atención, boa mercancía e bos prezos; e tamén, engadiu, existe todo o contrario.
Román subliñou que estamos a vivir nun momento de profundos cambios nos hábitos de compra. Primeiro foron as grandes superficies, logo as franquicias… É normal que o comerciante viva tamén con inquedanza un proceso de tan intensos cambios. E máis aínda no marco dunha crise económica que está a retraer o consumo.
A responsable municipal remitiuse á recente constitución da Mesa Local de Comercio, na que anunciou a posta en marcha de iniciativas para tirar o máximo partido do investimento do Concello. Froito desa vocación nace este curso, que é totalmente gratuíto para os participantes, a pesar de que ten un orzamento que se aproxima aos 20.000 euros. Trátase, subliñou, dun curso caro, que no mercado pode achegarse aos 1.000 euros por alumno/a.
Destacou Carlota Román que a Concellería de Promoción Económica pretende contribuír a salvar a brecha entre o mostrador de madeira de toda a vida e os novos expositores que chegan a través de páxinas web, redes sociais ou aplicacións para “smartphones”. Ambos mundos, destacou, son compatibles. O curso está dirixido a calquera tipo de pequena e mediana empresa, comerciantes, emprendedores que necesiten crear, ampliar ou manter o seu negocio.
En palabras da concelleira, haberá “pouquísima teoría” e o máximo de práctica e participación. Terá dúas convocatorias: unha primeira entre os días 15, 16 e 17 de febreiro e a segunda, entre os días 27, 28 e 29 de marzo, sempre en horario de mañá. A inscrición pode facerse a través do enderezo electrónico iles_administracion@concellopontevedra.es, na web do Concello www.pontevedra.eu/tallercomunicacion ou finalmente na do ILES www.proxectoiles.es/tallercomunicacion. Finalmente, é posible tramitala por fax no número 986 848 029.
O taller permitirá coñecer as ferramentas de comunicación máis importantes para vender e posicionar os produtos e servizos das empresas e comercios de Pontevedra: Facebook, Twitter, YouTube, Linkedin, Google AdWords, móbiles e xeoposicionamento entre outros. O empresario ou empresaria poderá realizar un plan estratéxico de comunicación que combine todas estas ferramentas e técnicas para vender a súa empresa eficazmente.
Os participantes comezarán estudando os cambios que chegan da man da eclosión das redes  sociais e o marketing online. Aprenderán tamén a facer unha páxina web efectiva. Finalmente, deseñarán o seu propio plan de comunicación individual e trazarán a estratexia global do negocio.
O obradoiro será impartido por Paz Pérez Pernas, especialista en comunicación e marketing online, redes sociais, formación e coaching de comunicación. Ten máis de 30 años de experiencia. Foi directora de Comunicación de Google España e Portugal e Asesora de Comunicación na Secretaría de Estado de Comercio e Turismo. É creadora dun portal de formación online e tamén do máster Community Manager Plus que se imparte en varias cámaras de comercio españolas.