Parques e Xardíns intensifica a campaña de poda das árbores urbanas

70

A Concellaría de Parques e Xardíns, que dirixe Anxos Riveiro, intensificou nestas semanas os traballos de poda das árbores urbanas, polo que comeza a resultar habitual ver operarios traballando en distintas rúas e prazas da cidade aproveitando o período de poda que se estende dende decembro ao mes de marzo. Con estes traballos que se repiten cada ano, estase a mellorar as súas condicións e esperanza de vida.

A Concellaría está a traballa esta semana en Daniel de la Sota e tamén na praza de Galicia, onde están a empregar unhas plataformas que facilitan a poda en árbores medianos e grandes, cumprindo con todos os stándares de seguridade. A poda en Daniel da Sota comezará mañá pola mañá, e na praza de Galicia xa comezou a principios de semana.

Durante estes días xa se fixeron traballos similares noutras árbores urbanas como en Eduardo Pondal, a rúa da Estación, o acceso ao Campus, a estrada da Coruña, Uruguai, Raíña Vitoria, San Antoniño… e continuarán nas próximas semanas por outras rúas como Cobián Roffignac, a praza de Barcelos e outros lugares ata completar a poda das árbores de folla caduca da cidade.

A poda periódica das árbores urbanas permite acadar un desenvolvemento axeitado dos exemplares; adecuar a árbore ás necesidades de uso do espazo onde se desenvolve; evitar desprendementos de ramas que causasen danos a persoas e bens; evitar o rozamento das ramas con edificios e infraestruturas; impedir que as ramas baixas afecten ao paso de peóns e o tránsito de vehículos; descargar o peso de árbores con risco de caída ou rotura; formar correctamente as copas ou reformar as que necesitan un reequilibrio da súa copa; proporcionar maior beleza ao exemplar e mailo seu contorno; conseguir un maior desenvolvemento das copas das árbores de sombra; e evitar ou minimizar a afección de pragas e enfermidades.