Agustín Fernández agradece o seu esforzo aos 55 voluntarios do Campionato de España de Marcha

67

Son xente anónima, interesada en traballar pola súa cidade. O colectivo de voluntarios recibirá esta tarde o recoñecemento do concelleiro de Deportes, Agustín Fernández González, cunha visita á xornada de formación coa que se pechan todos os detalles de cara ao Campionato de España de Marcha en Ruta, que se celebrará na cidade este próximo domingo, día 4.
O concelleiro indicou que os voluntarios fan un papel importantisimo, ata o punto de que sería moi difícil organizar os grandes eventos deportivos que acollerá Pontevedra durante este ano sen a súa participación.
O Campionato de España de Marcha en Ruta contará con 55 voluntarios, dos que 20 corresponden á Agrupación Local de Protección Civil e outros 35 pertencen á Oficina de Voluntariado de Pontevedra. A asociación dispón dunha base de datos e coordina as distintas actuacións en función do perfil demandado.
Neste caso, constatou o concelleiro, hai xente de todo tipo de condición. Así o máis novo ten 16 anos e o maior máis de 70 anos. Hai profesores de institutos e alumnos, funcionarios e persoas de todo tipo de extracción social.
Durante a xuntanza, a celebrar no Centro de Tecnificación Deportiva, darase información sobre as cuestións xenéricas da proba e información concreta para cada un dos postos. As principais funcións a desempeñar  serán o reparto de auga e atención dos postos de avituallamento, control de accesos ao circuíto, gardarroupa, asistencia a secretaría e protocolo, escolta dos deportistas de cara ao control antidopaxe e apoio á Policía Local, función esta última específica dos voluntarios de Protección Civil.
En canto ao control deportivo do circuíto de 2 Km nos que se desenvolverá á proba, trátase dunha función exclusiva dos xuíces da Federación Española de Atletismo.
O traballo dunha parte dos voluntarios comezará o sábado, con diversas labores preparatorias. O resto deberán incorporarse o mesmo domingo ás 7.30 horas e rematarán o seu labor sobre as 14 horas. Estarán dotados de camiseta, chubasqueiro e acreditación.
As persoas interesadas en colaborar nos próximos eventos deportivos organizados ou patrocinados polo Concello poden obter información na asociación Oficina de Voluntariado (mesmo a través de Facebook) ou nas oficinas do IMD, no Pavillón de Deportes.