O Concello dá un paso máis na creación dos Plans específicos de infraestruturas parroquiais

70

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a contratación dun experto para a elaboración dos plan específicos de infraestruturas nas parroquias de Pontevedra. Segundo resumiu o portavoz do Goberno, Raimundo González, un dos eixos deste mandato é a vertebración e cohesión social nas parroquias do rural pontevedrés coa creación de núcleos de centralidade, tal e como comprometeu o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores na súa toma de posesión.

Os obxectivos son:

1. Potenciar a identidade parroquial.
2. Vertebración e cohesión social, e creación de núcleos de centralidade parroquial.
3. Mellora da calidade de vida, achegando o modelo do centro e dos barrios urbanos ao rural.

Para lograr este obxectivo, póñense en marcha tres instrumentos:

• Incremento dos recursos destinados ás parroquias, comezando por unha maior atención en tempo e medios co nomeamento de 4 concelleiros/as delegados/as de parroquias. Estes concelleiros/as contarán co apoio dos técnicos municipais para o desenvolvemento do seu labor.
• Fomento da democracia participativa través dos consellos parroquiais, nos que estarán representados todos os sectores do seu ámbito territorial e que terán como obxectivo planificar as actuacións na parroquia e fixar as prioridades a curto, medio e longo prazo.
• Elaboración dos Plans específicos de infraestruturas de cada parroquia no que se recollan todas as necesidades e actuacións para un período estimado de 8 anos.

Os contidos dos plans específicos das parroquias desenvolveranse en varios ámbitos:

1. Posta en valor do patrimonio cultural.
a. Patrimonio material: patrimonio arqueolóxico, arquitectónico e etnográfico. Medidas: recollida de información, estudo, catalogación, protección normativa, actuacións de fomento e mellora: restauración, sinalización, divulgación, aproveitamento social, educativo, turístico…
b. Patrimonio inmaterial: toponimia, literatura oral, costumes e tradicións… Medidas: recollida de documentación verbal e audiovisual, accións de divulgación e posta en valor.

2. Posta en valor do patrimonio ambiental.
a. Cursos de auga, humedais… Medidas: recollida de información, estudo, restauración, actuacións de mellora, sendas…
b. Terreos forestais, demais territorio… Medidas: recollida de información, melloras, parques forestais…

3. Mellora da mobilidade.
a. Infraestruturas. Medidas: ordenación/reordenación de usos, potenciación da mobilidade amábel, dotación de beirarrúas, sostemento de pavimentos.
b. Seguranza viaria. Medidas: limitación de velocidade, calmado do tráfico, sinalización…

4. Mellora de servizos.
a. Auga e saneamento. Medidas: potenciación de traídas veciñais, subministro público en zonas nas que se necesite, completar a rede de sumidoiros con racionalidade.
b. Iluminación pública. Medidas: completar e mellorar a rede, iluminación de elementos senlleiros…
c. Recollida de RSU´s e outros. Medidas: reaxuste de certos elementos do servizo, información sobre punto limpo, vía para actuar sobre animais abandonados…

5. Dotacións e equipamentos.
a. Centros cívicos. Medidas: completar a rede de centros cívicos onde sexa prioritario, medidas de xestión que optimicen o aproveitamento e os custes.
b. Parques, espazos públicos, áreas de xogo. Medidas: sostemento dos actuais e completar con novos tendo en conta criterios de maior uso e menor sostemento; potenciación das actuacións nos núcleos de centralidade parroquial.

Estes plans estarán consensuados nos Consellos parroquiais, e terán un soporte técnico que permita efectivizalos. Será a través deste experto que traballará nos plans das parroquias durante 18 meses.

COMPARTIR