A nadadora Paula Goyanes, campioa de España Infantil, recibe a felicitación da Concellería de Deportes

210

Paula Goyanes, a nova campioa de España Infantil na proba de 200 metros mariposa, ano 98, foi recibida hoxe no Concello polo responsable de Deportes, Agustín Fernández. Paula foi felicitada polas súas prestacións na proba, na que estableceu un novo récord galego de 14 anos, cun tempo de 2´21´´93.
A nadadora do Club Natación Galaico acadou este resultado no Campionato de España de Inverno, celebrado na piscina de Son Hugo (Palma de Mallorca). Alí nadaron sete deportistas do Galaico: Paula Goyanes, Lucía González, Alicia Conde, Ana Pérez, Ángel Muñiz, Óscar Guimeráns e Miguel Gallego. Varios deles melloraron marca e, a maiores, Alicia Conde clasificouse para o campionato de verán.
Paula Goyanes chegou acompañada do presidente do Galaico, Alfonso Gallego, do seu adestrador, dos seus pais e a súa irmá pequena, tamén nadadora.
Durante a entrevista explicou que adestra unhas catro horas diarias e que logra compaxinar ben deporte e estudos. Paula é a primeira sorprendida polo resultado, aínda que o seu adestrador destaca que sempre estivo a moi bo nivel nas competicións nacionais nas que ten participado. O seu próximo obxectivo será o Campionato Galego Absoluto, que se vai celebrar en Pontevedra entre o 29 de xuño e o 1 de xullo. Aí, a pesar da súa idade, ten serias opcións de medalla. A continuación, entre o 19 e o 22 de xullo viaxará a Barcelona para nadar no Campionato de España de Verán.
O seu adestrador destacou o potencial desta deportista, que compite nun estilo tan específico como o bolboreta e a unha distancia de 200 metros, unha proba moi láctica, como destacou o técnico, e na que ten marxe de mellora. Este ano, por exemplo, traballaron nas viraxes e as saídas, con moi bos resultados.