Salcedo acollerá a primeira Xeira do Patrimonio do rural o vindeiro 21 de abril

52

A Eira do Hórreo da Misión Biolóxica acolleu esta tarde a presentación da primeira Xeira do Patrimonio no rural que se celebrará na parroquia de Salcedo o vindeiro 21 de abril. A esta presentación asistiron os concelleiros de Patrimonio Histórico, Luís Bará e o delegado da parroquia, Demetrio Gómez, así como as asociacións de Salcedo, Vaipolorrío, Os Chichisos e Amigos de Campolongo. O acto estivo presidido pola antiga bandeira da Asociación de Agricultores que está custodiada no Arquivo Municipal.

A presentación, amenizada pola actuación do grupo Os Chichisos, serviu para facer pública a programación previa á Xeira así como as actividades previstas para o mesmo día, 21 de abril.

As actividades previas á esta Xeira do Patrimonio son:

• Sábado 7 de abril: Conferencia-roteiro nocturno sobre arte rupestre a cargo de Xosé Lois Vilar (historiador e arqueólogo). A partir das 20.30 horas na local social de Cabanas (antigo preescolar)
• Sábado 14 de abril: Conferencia sobre a represión franquista na parroquia de Salcedo a cargo de Xosé Álvarez Castro (profesor e historiador). A partir das 20.30 horas na Casa da Sociedade de Salcedo
• Domingo 15 de abril: Andaina pola parroquia de Salcedo. Saída ás 9.30 horas na capela de San Brais. Percorrido por Matalobos, Cabanas, muíños da Cancela, muíños do Batán, castro das Croas, Igrexa de Salcedo…
 
O programa da Xeira do Patrimonio, prevista para o sábado 21 de abril é o seguinte:

• 10.30 horas. Visita guiada á Misión Biolóxica de Galicia. Saída do Campo de Cabanas
• 13 horas. Actuación da Banda de Música de Salcedo no Campo de Cabanas
• 14.30 h. Xantar de confraternidade no Campo de Cabanas organizado polas entidades do Consello da parroquia de Salcedo. Actuacións musicais: Os Chichisos, Foula e Os Alegres
• Xogos populares: chave, petanca, aro, corda…
• Exposición de fotografías antigas da parroquia organizada polas entidades do Consello da parroquia de Salcedo. No local social de Cabanas do 20 ao 28 de abril.
• Exposición sobre a música na parroquia de Salcedo organizada pola Banda de Música de Salcedo (Asociación Músico-Cultural San Martiño). Na Casa da Sociedade os días 21 e 22 de abril.

A Xeira do Patrimonio está promovida polo Concello de Pontevedra a través da Concellaría de Patrimonio Histórico e do proxecto Salcedo Patrimonio. Está organizada polo Consello da parroquia de Salcedo (Comunidade de Montes, Asociacións de Veciños Heroes do Campo da Porta, Salcedo Norte, Cabanas, San Martiño; Asociación Músico-Cultural San Martiño, Sociedade Antropolóxica Galega, Asociación Cultural Santa Rita, Vaipolorío, SCD Salcedo, ANPAS Cabanas e San Martiño ). E conta coa colaboración da Misión Biolóxica de Galicia, Asociación de Empresarios Panadeiros de Pontevedra,  e da asociación Amigos de Campolongo.