A Concellería de Turismo utiliza as prazas do Centro Histórico como decorado para unha campaña de turismo

82

As prazas do Centro Histórico, con especial acento no Teucro, Méndez Núñez, A Verdura e Mugartegui convertéronse hoxe en improvisados platós dunha campaña audiovisual encargada pola empresa municipal Turismo de Pontevedra e que se porá en marcha en todo o Noroeste peninsular durante o próximo verán.
As sesións, a cargo do fotógrafo Víctor Moreno, realizáronse durante toda a mañá de hoxe coa participación de sete modelos (catro mozos e tres mozas), con sorprendentes escenografías e ataviados coa roupa do deseñador pontevedrés David del Río, un dos trunfadores da recente pasarela Ego, da Cibeles Fashion Week. O resultado final traducirase na produción dun vídeoclip e varios carteis.
A concelleira de Turismo, Carlota Román, anticipou que trátase dunha campaña que combinará a aposta por unha estética radical e impactante, cunha sorprendente austeridade. Así destacou que a campaña conta coa estreita colaboración do departamento de Comunicación do Concello e a participación voluntaria dos modelos, que ao non ser profesionais, abaratan moito os custos.
Román amosouse confiada no resultado final, pois destacou que a imaxinación que se lle está a botar vai suplir con creces a falta de recursos económicos. Imos ser moi pouco convencionais para ofrecer aos potenciais turistas impactos visuais que saian do normal. Estratexia obrigada neste mundo tan audiovisual no que un vai pola rúa e está sometido a anuncios de todo tipo, explicou. Tres ingredientes fundiranse no obxectivo de Víctor Moreno para producir as pezas singulares que busca a Concellería de Turismo: os deseños de David del Río, espectaculares atrezzos e a paisaxe que ofrecen as prazas da zona vella.
O nome da campaña aínda non está definido, pero xogará ao redor do concepto “Vive Pontevedra”. Por este motivo, as prazas, epicentros diarios da vida local, son o eixe sobre o que pivota todo o concepto publicitario. A gastronomía local, a cultura, a diversión, a Natureza e a proximidade das praias son algunhas das mensaxes buscadas.
O fotógrafo Víctor del Río non dubidou para elo en utilizar montaxes atrevidas que van dunha terraza na que gozar dos viños e mariscos, a un columpio pendurado da magnolia de Méndez Núñez, pasando por unhas tumbonas nas que os modelos tomarán o sol en medio do empedrado urbano.
A campaña encádrase dentro dos obxectivos fixados polo Plan Estratéxico de Turismo de Pontevedra e por elo terá especial presencia nas cidades situadas nun radio máximo de 5 horas en coche de Pontevedra ou a dúas horas de avión.