“Ponte.tv” acada a cualificación de Iniciativa de Emprego Local co apoio da Concellería de Promoción Económica

69

As inquedanzas de catro profesionais pontevedreses, con ampla experiencia nos sectores da comunicación e audiovisual, veñen de callar co nacemento dun novo canal informativo asentado na Internet e cunha forte aposta polas novas apoiadas no formato vídeo. O proxecto “Ponte.tv” vén de recibir a cualificación de Iniciativa de Emprego Local (ILES), o que lle abre as portas ao apoio do Concello e da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia.
A Concellería de Promoción Económica impulsou este recoñecemento. A concelleira, Carlota Román, destaca o carácter fresco dunha televisión distinta e impactante que chega da man das novas tecnoloxías. Un proxecto impulsado por persoas que saen do mundo da comunicación e que tiveron a suficiente valentía para botalo a andar non só con imaxinación, senón, sobre todo, con moita calidade.
Dende o seu lanzamento o pasado 5 de marzo, o sitio web de “Ponte.tv” conseguiu acadar un oco e captar un impresionante número de visitas, atraídas pola claridade da exposición das novas e reportaxes, pero, fundamentalmente, pola profesionalidade dos seus vídeos. Carlota Román gabou a valentía deste grupo de emprendedores e desexoulles a maior das sortes.
“Ponte.tv” consegue da Concellería de Promoción Económica o asesoramento técnico por parte dos axentes locais de emprego en todo ao relativo á constitución da empresa e o inicio da súa actividade, por un período comprendido entre seis meses e dous anos. Ao tempo, a cualificación  como Iniciativa de Emprego Local abre o acceso á convocatoria de subvencións da Consellería de Traballo para o inicio de actividade e contratación de persoal.
As Iniciativas de Emprego Local deben cumprir os requisitos de seren viables, innovadoras e xeradoras de emprego. Carlota Román explicou que durante o ano pasado, o Concello xa aprobou dúas (centradas no sector do comercio electrónico) e desexou que, a pesar da crise, poda saír adiante algunha máis durante este ano.
O proxecto pontevedrés está fundado por Fernando Juan Portela Yáñez, técnico en Imaxe e Son; Xoán Pérez García, técnico en Imaxe e Son e fotorreporteiro; Ramón Rivas García, técnico administrativo, e o xornalista Miguel Ángel Álvarez Arcos. Os catro contan cun amplo currículo no que destaca a experiencia en diversos medios de comunicación.
“Ponte.tv, a túa cidade na rede” é un proxecto innovador no eido dos medios de comunicación social no concello e na comarca de Pontevedra. Os seus impulsores poñen o foco en galego, nunha cidade na que existe, na actualidade, un déficit no formato audiovisual. A plataforma está sustentada nunha páxina web accesible, incluídos os dispositivos móbiles.

COMPARTIR