O Pazo da Cultura acolle esta fin de semana a Fase galega do Club de Debate

51

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle este sábado, 28 de abril, a fase galega do Club de Debate, organizada polos equipos de normalización lingüística dos centros de ensino das comarcas de Pontevedra, Vigo, Santiago e Ferrolterra. Esta cita coa lingua foi presentada esta mañá polo concelleiro de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez.

Lembrou que os obxectivos da actividade son:

• Favorecer o emprego da lingua galega na mocidade, especialmente o uso oral en contextos formais e informais.
• Incitar o pensamento crítico e analítico sobre temas de actualidade, deixando de lado os estereotipos da mocidade en canto intereses e preferencias.
• Fomentar a diversidade de opinións, a tolerancia fronte a diferentes cuestións o traballo en equipo.
• Colaborar cos ENDL dos centros de ensino secundario no labor de dinamizació do uso da lingua galega para acadar a normalización do idioma.

Os equipos participantes nesta fase galega son:

• IES de Ponte Caldelas Pontevedra
• IES Castelao Vigo
• CPI Monte Caxado (As Pontes) Ferrolterra
• CPI dos Dices (Rois) Compostela

E deberán debatir sobre: Os usos das novas tecnoloxías favorecen as relacións sociais?

Os membros do xurado, nomeados por cada unha das 5 comarcas organizadoras, son:
• Susana Pedreira, (presidenta do xurado) xornalista en Onda Cero Radio -Pontevedra (nomeada por Pontevedra)
• Paula Soto, técnica de normalización lingü.stica no Concello de Moaña (nomeada por Vigo)
• Anabel Alonso López, filóloga e escritora. Acaba de publicar un libro de relatos: Café só. É a bibliotecaria do Concello das Pontes (nomeada pola comarca de Ferrolterra)
• Xiao Somoza Rodríguez, profesor no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro e compoñente de Vai Trío e de Fía na Roca (nomeado pola comarca de Compostela).
• Nel Vidal Barral, técnico de normalización lingüística do Concello de Carballo e presidente da Coordinadora Técnicos Nornalización Lingüística (nomeado pola comarca da Coruña).

Desenvolvemento da fase galega:

• 9.30 h Chegada dos equipos e do xurado
• 10 – 11 h Benvida e 1º debate da fase eliminatoria: ES de Ponte Caldelas – CPI dos Dices, Rois
• 11-12 h 2º debate da fase eliminatoria: CPI Monte Caxado das Pontes – IES Castelao, de Vigo
• 12-12.30 h Descanso con café
• 12.30 – 13.30 h 3º debate da fase eliminatoria: IES de Ponte Caldelas – IES Castelao, de Vigo
• 13.30 -14.30 h 4º debate da fase eliminatoria: CPI dos Dices, Rois – CPI Monte Caxado das Pontes
• 14.45 h Xantar
• 16.30 h -17.30 h Anuncio dos resultados da fase eliminatoria e debate final
• 18.00 h Anuncio dos resultados da final e entrega de premios


O equipo campión gañará unha viaxe valorada en 5.000 euros que consistirá nunha estadía de fin de semana, con dúas noites, no albergue da Corcerizas, na serra de San Mamede, en Ourense. Ademais de fomentar o emprego do galego, a viaxe combinará aspectos lúdicos e formativos. O contido da proposta abrangue actividades na natureza, de achegamento ao patrimonio cultural, xogos e outras actividades lúdicas como o baño termal no balneario de Baños de Molgas ou a visita guiada ao parque natural da serra do Invernadoiro.

Na organización da fase galega do Club de Debate participaron 12 concellos distribuídos en 5 comarcas:

– Comarca de Compostela: na que participaron os concellos de Ames, Rois, Santiago de Compostela e Teo
– Comarca de Ferrolterra: na que participaron os concellos das Pontes e Ferrol.
– Comarca da Coruña: na que participaron os concellos de Betanzos, Carral, Carballo e Oleiros
– Vigo: Concello de Vigo
– Pontevedra: Concello de Pontevedra.

Ver documento PDF