A Concellería de Deportes solicitará a liquidación do convenio para a construción do Centro Deportivo da Parda

102

O Concello de Pontevedra dá por finalizado o convenio para a construción do campo de Pasarón e o Centro Deportivo da Parda no que atinxe a este último espazo. O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, visitou hoxe as obras, paralizadas pola Xunta de Galicia hai  catro anos, para comezar o procedemento de redefinición do proxecto, que o Concello se propón continuar en solitario.
O responsable municipal recalcou que xa non pode seguir a fiarse da Xunta, pois está claro que a Secretaría Xeral para o Deporte non ten ningunha intención de continuar unha obra pola que non manifestou o menor interese. Fernández lembra que leva agardando dende outubro para que se lle entreguen as certificacións dos traballos realizados, polo que alberga dúbidas sobre a valoración extraoficial de 723.858 euros que lle foi presentada.
O convenio está caducado e en vía morta dende 2010, polo que Agustín Fernández reclamará á Xunta a devolución dos 600.000 euros que o Concello adiantou tras a sinatura. A Concellería de Deportes traballará no remate das obras, que serán redeseñadas para abaratar custos, durante este mandato municipal. “Se non nos movemos agora”, afirma Fernández, “non vai dar tempo e non estou disposto a pasarlle este “marrón” que me tocou herdar a quen me suceda”. Paralelamente, o concelleiro está a barallar outras opcións de financiamento.
No que atinxe á liquidación das obras do estadio de Pasarón, Agustín Fernández recalca que o Concello, como sempre, cumprirá cos seus compromisos na liña de lealdade e cooperación institucional que o caracteriza. O concelleiro xa remitiu unha carta ao presidente da Deputación, Rafael Louzán, para solicitarlle unha entrevista na que poder avanzar neste punto e na recepción das obras.
Agustín Fernández recalcou que o convenio de Pasarón-A Parda revelouse co tempo como un acordo moi negativo para os intereses de Pontevedra. Dúas obras, engadiu, sen ningunha relación entre si e que quedaron vinculadas nun mesmo pacto a tres bandas entre o Concello, a Deputación e a Xunta.
O tempo demostrou que Pasarón e A Parda son exemplos de libro de como non se debe xestionar a execución das infraestruturas deportivas. Na súa opinión, o principal erro produciuse ao deixar o procedemento de licitación nas mans da Deputación, no caso de Pasarón, e da Xunta de Galicia, no caso da Parda. O resultado é un sobrecusto (de 7,2 a 15,8 millóns de euros) no campo de fútbol para uso dun só club e a paralización e abandono do Centro Deportivo que estaba destinado ao uso e goce público.