O Concello colabora cos afectados das preferentes dándolles un espazo de reunión

60

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González recibiron esta tarde unha representación da plataforma de afectados de Marín e Pontevedra polas “preferentes” de Nova Galicia Banco. Ate o de agora son uns 50 afectados na cidade de Pontevedra, e algo máis de 200 sumados ao Concello de Marín.

O alcalde explicou que un dos obxectivos da reunión era publicitar a existencia desta plataforma tamén na cidade de Pontevedra para que a xente acuda a informarse sobre a situación. O teléfono de contacto da plataforma en Pontevedra é 669 686 382.

O Concello de Pontevedra estuda a posibilidade de deixar aos afectados do municipio, e con carácter provisional, un espazo de reunión e de atención ao público durante unhas horas, uns días á semana. Neste espazo informaríase á población, aos afectados, tamén se faría entrega da documentación necesaria para presentar reclamacións ante o banco ou ante Consumo, tamén se ofrecerá información de mobilizacións…

O alcalde tamén se comprometeu a pór a disposición dos afectados un autobús que sairá o sábado, 2 de xuño, ás 09.00 horas cara Coruña para participar na manifestación convocada a nivel de Galicia para protestar por esta situación.

Fernández Lores explicou que as preferentes “son un roubo dos aforros da xente, non de inversores, de forma oscurantista e con enganos”. O alcalde asegurou que moitos traballadores da entidade negáronse a ofrecer este tipo de produtos financieiros “e chegaron a ser despedidos”.

“O Estado ten responsabilidade porque debía controlar esta situación, e non é xusto que fagan unha inxección de cartos públicos en entidades como Bankia, de 23.000 millóns de euros, e non se obrigue aos bancos a respostar as demandas dos afectados, que se estima que superan os 900 millóns de euros dos pequenos aforradores”, asegurou o alcalde de Pontevedra.

Rosana Prado, unha das representantes da plataforma en Pontevedra, pediu aos pontevedreses “que se animen, que perdan o medo e a vergonza, e reclamen o que lles roubaron, o que lles estafaron. Temos constancia de que en Pontevedra hai moita xente estafada”.