Aprobado o proxecto para o arranxo da rúa da Pedralonga, no barrio de Estribela

39

A rúa da Pedralonga será a primeira en acollerse ás obras de reforma urbana no barrio de Estribela durante este ano. O proxecto foi estudado hoxe na Comisión de Urbanismo e ao longo das próximas semanas procederase á contratación e adxudicación dos traballos.
O proxecto da rúa da Pedralonga ten un orzamento de 21.300 euros e un prazo de execución de tres meses. A rúa ten unha lonxitude de 40 metros e un ancho moi variable, cos ángulos e entrantes tan típicos na fisonomía urbana do barrio mariñeiro de Estribela. Trátase dunha vía que comunica as dúas rúas principais do barrio: Marqués de Valterra e Senén Sobral. O orzamento é contido porque a vía conta con servizos soterrados de saneamento, abastecemento de auga, iluminación pública, gas e telecomunicacións. Todos eles serán revisados, pero, en principio, non parece necesario substituílos.
O principal problema vén dado polo pavimento. A superficie é mixta a base de lastros de pedra, moi irregulares e labra ruda, cunha faixa central de pedra, tamén en moi mal estado. Existen tapas de rexistro soltas e desniveladas, tamén parches de cemento e chanzos de pedra ou formigón nos accesos ás edificacións particulares.
Todo este material será levantado para a súa substitución por lousa de pedra continua, de 12 centímetros de grosor. As arquetas serán substituídas por tapas de pedra montadas sobre marco de aceiro inoxidable. A maiores instalarase unha boca derego e incendio e anovaranse todas as acometidas de auga e saneamento ás casas.
O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo anunciou que o seu departamento está a ultimando un programa de actuacións ata o ano 2016, enmarcados dentro da planificación da Área de Rehabilitación Integral. Ata ese ano actuarase en cinco rúas e prazas, cun investimento total de 450.000 euros.
A seguinte obra, xusto a continuación da Pedralonga, será a reforma das beirarrúas e espazos públicos na praza de Marqués de Valterra no ámbito limítrofe co concello de Marín co ánimo de dotalo dunha maior calidade urbana. O proxecto terá moi en conta a celebración da feira ambulante e, de feito, suporá unha mellora na disposición da rúa e da praza. O principal cambio vai ser a ampliación das beirarrúas no lado onde están os edificios, que será ampliada ata uns tres metros. Haberá tamén cambios na disposición do mobiliario urbano e os farois do alumeado.
Antón Louro anunciou que en 2014 será a quenda da rúa do Mercado, outra pequena rúa transversal de Marqués de Valterra, incluíndo tamén as actuacións que queden pendentes este ano no propio espazo da praza onde se celebra o mercadiño. O orzamento dispoñible vai ser de 135.000 euros.
Finalmente, xa en 2016, Louro prevé volver dispor de fondos para a mellora dos espazos públicos do barrio. A planificación da Concellería de Urbanismo inclúe para esa anualidade a rúa de Comboa, situada na parte alta de Estribela. Trátase dunha vella reivindicación veciñal que o tenente de alcalde comprometeuse a acometer. Agárdase que o orzamento para esta anualidade alcance os 200.000 euros.
Antón Louro destaca que este paquete de obras vense sumar ás xa realizadas polo Concello durante os últimos anos nas rúas do Cruceiro, rúa das Laxes, Senén Sobral e unha pequena actuación previa na praza Marqués de Valterra.
O investimento total en obra pública Estribela, unha vez completada toda esta planificación, estará en torno ao millón de euros.