RESTAURADA A PONTE MEDIEVAL DE BORA

39

Despois de tres meses de traballo, está rematada a restauración e acondicionamento do contorno da ponte medieval de Bora, situada sobre o río Almofrei no lugar de Ponte Bora. Esta antiga ponte de orixe medieval era o lugar de paso sobre o río no camiño que conducía deste Pontevedra a Terra de Monte s e O Carballiño.

Trátase dun lugar de grande relevancia cultural e ambiental xa que forma parte do espazo Rede Natura Río Lérez e ao mesmo tempo conforma un conxunto patrimonial de grande valor do que forman parte a ponte, a calzada empredrada, un cruceiro e un peto de ánimas. Actualmente pódese acceder a este enclave desde a estrada autonómica que vai de Bora a Xeve, xunto antes de pasar a ponte sobre o río Lérez.

Actuacións realizadas

Co obxecto de frear o deterioro estrutural que presentaba a ponte, como consecuencia do enraizamento de árbores, procedeuse a eliminar a vexetación e limpar os sedimentos acumulados nos tallamares. Tamén se realizou unha limpeza xeral do contorno da ponte e fixéronse traballos de restauración de pedras desprazadas ou desaparecidas. Ademais de mellorar a conservación da estrutura, a actuación realizada permite unha mellor visualización e disfrute do conxunto patrimonial.

As obras foron promovidas pola área de medio ambiente natural en colaboración co departamento de patrimonio cultural do Concello de Pontevedra. O investimento realizado foi de 8.000 euros.

Exemplo para o futuro

Ademais do valor que ten en por si esta actuación, constitúe un valioso exemplo das posibilidades que ten a restauración e divulgación do patrimonio cultural e natural do Concello. Neste sentido, pódese considerar a primeira actuación significativa do plan de actuación para o patrimonio rural que impulsa o Concello de Pontevedra e que ten na recuperación de pontes históricas un dos seus ámbitos de actuación. Dentro deste plan, están previstas tamén iniciativas relacionadas co patrimonio arqueolóxico, etnográfico, arquitectónica e inmaterial. Ademais das pontes históricas, os cruceiros, os muíños, a arte rupestre, a toponimia, as tradicións orais ou a arquitectura de pazos, igrexas e mosteiros serán obxecto de especial atención.