Banco de Libros pecha este ano superando expectativas

44

Mil seiscentos vintetrés libros, dun total de 2.010 recollidos pola Rede Axuda, fóron repartidos entre 82 familias pontevedresas durante os últimos meses, grazas á iniciativa municipal do Banco de Libros impulsada polo departamento de Benestar Social Municipal, que dirixe Carme Fouces.

O Banco de Libros volve a expresar unha vez máis non só a solidariedade das persoas, senón a prevalencia do sentido común cuns materiais que nunca deberan ter un só uso. 

Esta fórmula de cooperar socialmente cos libros de texto púxose en marcha este ano con carácter experimental como medida de contribución á economía familiar e tamén contra o despilfarro de materiais.

De feito, un dos extremos máis salientabeis da campaña foi a destrución de 385 libros de texto debido á modificación do ISBN, unha estratexia de algunhas editoriais, consentida pola Consellería de Educación, de inserir pequenas modificacións no temario ou o orden das materias, para que semelle un libro novo.

Os adiantos tecnolóxicos, ademáis, deberían resituar o protagonismo dos libros de texto na educación, e camiñar cara a un modelo máis eficaz e sostible, se ben a pasividade da Xunta segue extorsionando ás economías familiares con estes produtos que eles convirten en altamente perecedeiros.

Ademáis do libros de texto, Benestar Social Municipal repartiu 50 cheques de entre 15 e 25 euros para material escolar entre aquelas familias que non puideron beneficiarse de nengún libro, pero que doaron os seus.

Esta iniciativa do Banco de Libros será perfeccionada o curso que ven, cando a partires do segundo trimestre comezará unha campaña que, bebendo desta primeira experiencia, desenvolverá un traballo con obxectivos de conseguir un maior número de familias implicadas e o conseguinte aumento do número de libros repartidos.