“Ponte de Tapas” volverá a atraer visitantes a Pontevedra durante a ponte da Inmaculada

49

Volve “Ponte de Tapas”. O certame gastronómico máis popular de Pontevedra chegará o próximo día 23 deste mes de novembro, para continuar ata o 9 de decembro, aproveitando así á ponte da Inmaculada.
A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Carlota Román, acompañada do presidente  dos hostaleiros locais, Salvador Santiago, presentou hoxe esta 5ª edición do concurso gastronómico. Haberá, pois, unha nova oportunidade para gozar das pequenas delicias que son as tapas gracias a esta iniciativa que pon en marcha a empresa municipal Turismo de Pontevedra S.A.
A concelleira, Carlota Román, destacou que as datas coinciden coas da edición de outono do ano pasado porque demostrouse que a ponte da Constitución-Inmaculada permite obter un maior impacto e exerce como factor de atracción de visitantes.
Román anticipou que o custo das tapas seguirá en 1,50 euros, bebida non incluída. Apostouse por manter o mesmo prezo que xa se fixou para a primeira edición e que, dende entón, permanece invariable.
Xa está aberto o prazo de inscrición (do 8 ao 15 de novembro, ambos incluídos) para os establecementos interesados en participar. O formulario de inscrición pode recollerse xa na Casa da Luz, ou descargarse no sitio web www.pontedetapas.es. A continuación cómpre entregalo na Casa da Luz. A taxa para participar mantense tamén nos 90 euros.
Desta volta deuse a información ao sector con moita antelación. Os organizadores xa contactaron con 161 hostaleiros locais, co obxectivo de que ninguén quede fóra. De feito, agárdase unha importante participación da hostalería local, pois dende o inicio do certame non ten deixado de crecer. Así, pasou dos 26 hostaleiros do primeiro ano aos 53 da última edición, celebrada o pasado mes de xuño. O número de tapas vendidas  tamén ten experimentado un continuo crecemento, dende as 9.000 iniciais ás 35.000.
Finalmente, a concelleira desvelou que manterase a mesma estrutura de premios. Non obstante, haberá menos viaxes e máis cheques-regalo para gastar no comercio local. A situación económica e a implantación de medidas lesivas para o consumo como a suba do IVE ou a supresión da paga extra dos traballadores públicos aconsellaban esta reorientación.