A Concellería de Urbanismo impulsa a suspensión cautelar de licenzas para crematorios durante un máximo dun ano

34

O concelleiro de Urbanismo e tenente de alcalde, Antón Louro, asinou onte a proposta que elevará ao Pleno do próximo xoves para suspender, durante o período máximo dun ano, a concesión de licenzas de edificación para fornos crematorios de restos humanos.
A proposta, que afecta á totalidade das solicitudes que se están a tramitar actualmente, será presentada o luns á Xunta de Goberno Local e á Comisión de Urbanismo e, a continuación, será sometida a votación no Pleno. A suspensión entrará en vigor unha vez que sexa publicada no Diario Oficial de Galicia.
O tenente de alcalde destaca que a proposta é froito dun intenso traballo realizado durante os últimos días no seo da Concellería, con participación de todos os técnicos en materia urbanística e xurídica. “É un documento serio, ben articulado e que busca facer compatibles a defensa dos intereses veciñais, do Concello e das empresas, co ánimo de reconducir a situación e que, dentro dun tempo, podamos chegar a unha solución satisfactoria para todas as partes”.
A próxima semana, o máximo responsable do Urbanismo pontevedrés manterá xuntanzas coas asociacións de veciños afectadas polos distintos proxectos en marcha nas zonas de Mourente, A Parda e o Centro Histórico para dar información directa e detallada sobre esta medida.
As licenzas quedan suspendidas en solo urbano, urbanizable de uso residencial, solo de núcleo rural e nun perímetro de 500 metros ao redor destas tres categorías de solo, agás en zonas industriais, cemiterios existentes e nos centros hospitalarios.
A proposta observa que a proliferación de solicitudes de crematorio “están a provocar unha enorme alarma veciñal”, a causa da ausencia dunha normativa autonómica específica en materia medio ambiental ou de policía sanitaria mortuoria que paute unha zonificación de protección ou distancias aplicables especificamente aos crematorios.
O documento engade que as licenzas urbanísticas son regradas e, polo tanto, condicionadas ao cumprimento dos estándares. No caso dos crematorios, os informes preceptivos e vinculantes da Consellería de Medio Ambiente e da Consellería de Sanidade determinan o rumbo dos expedientes. “En definitiva”, observa Louro, “procede conceder ou denegar a licenza segundo o senso favorable ou desfavorable dos informes técnicos e os ditames sectoriais”.
Neste senso, salienta que o único ditame de incidencia ambiental recibido ata o de agora no Concello é favorable á implantación de crematorios en áreas residenciais. Ademais, lamenta que o Decreto de Policía Sanitaria Mortuoria non regule ningunha distancia de separación ás vivendas. Lembra que, por estas razóns, o Pleno do Concello de Pontevedra xa acordou solicitar da Xunta a modificación das normativas medio ambiental e sanitaria co obxecto de introducir condicións específicas para este tipo de fornos.
Antón Louro considera que estamos diante dun baleiro legal na Comunidade Autónoma de Galicia, pero tamén do propio Plan Xeral de Ordenación Urbana de Pontevedra. “Dado que estamos diante dun uso que podería ser admisible segundo a ordenación vixente do PXOU en diversas categorías do solo urbano e de núcleo rural, malia non semellar, en principio, o máis axeitado para as referidas zonas residenciais, cómpre proceder a un estudo máis exhaustivo da idoneidade do uso crematorio”, engade o documento.
A proposta deixa claro que a suspensión de licenzas terá unha duración máxima dun ano, pero se interromperá se antes se produce a aprobación inicial da modificación do PXOU. Chegado ese caso, a suspensión só se mantería para as áreas nas cales as novas determinacións do planeamento supoñan modificación da actual ordenación urbanística.
A proposta conclúe co acordo de notificar a suspensión a todas as empresas peticionarias de licenza para crematorios, “advertíndolles que terán dereito a ser indemnizadas co custo oficial dos proxectos e a devolución dos tributos municipais, sempre que o seu outorgamento non sexa posible por resultar incompatible coa nova ordenación que se estableza”.
O dereito a recibir indemnización tamén queda en suspenso ata que se produza a aprobación definitiva da modificación do PXOM e déixase aberta a posibilidade de que os peticionarios podan solicitar a continuación das tramitacións das solicitudes de licenza de edificación para o uso tanatorio, sen crematorio.