A empresa Crespo executará a mellora da seguridade na ponte dos Tirantes

49

A Xunta de Goberno adxudicou as obras de accesibilidade na Ponte dos Tirantes á empresa Crespo por valor de 206.253 euros. Trátase dunha obra de eliminación de barreiras arquitectónicas, mellora da accesibilidade e da seguridade viaria no acceso á Ponte dos Tirantes dende a avenida de Bos Aires e José Malvar.

Trátase dunha zona non tratada da cidade e moi frecuentada por peóns e ciclistas que con esta actuación verán mellorado o espazo para transitar ao eliminar un carril da ponte dos Tirantes en dirección ao Pazo da Cultura, e ao reorganizar os carrís de circulación deste ámbito cara a rotonda de entrada á ponte.

Estrada ao Regueiriño

A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe a adxudicación da mellora da estrada ao Regueiriño, nunha primeira fase que vai dende a finca de Montero Ríos até a zona de Rozo-Nogueira. A empresa Crespo será a encargada de facer estes traballos de mellora estrutural do firme por valor de 204.756 euros.

Campañó e Mourente

Ademais, a Xunta de Goberno sacou a licitación completar o saneamento nas parroquias de Campañó e Mourente. Na zona de Mourente executarase unha das últimas obras do saneamento que permitirá dar servizo ao Colexio de Vilaverde (aínda ten fosa séptica) por valor de 241.746 euros. Tamén se completará o saneamento en Campañó, na zona central da parroquia, en Calabeiro. Alí atópase a Casa da Cultura, a Casa de Turismo Rural, varios restaurantes. O investimento nesta zona será de 241.874 euros.