A fase galega do Club de Debate celebrarase o vindeiro 4 de maio en Santiago

70

O Concello de Santiago acolleu hoxe a presentación da fase galega do Club de Debate, que se celebrará o vindeiro 4 de maio, nun acto no que estivo presente o concelleiro de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, Demetrio Gómez. Nesta IV edición do Club de Debate participarán os concellos de Ames, Santiago de Compostela, Carballo, Ferrol, Pontevedra, Rois, Vigo e A Baña.

Demetrio Gómez na súa intervención agradeceu a implicación do Concello de Santiago neste proxecto, especialmente á concelleira e aos traballadores implicados na organización da fase galega do Club de Debate. Tamén agradeceu a colaboración da Coordinadora de traballadores pola normalización lingüística.

O concelleiro explicou que “de nós, dun Concello cun alcalde nacionalista espérase, quizais, que fagamos cousas deste tipo, que esteamos dispostos a promocionar a lingua galega e a traballarmos con ela en todos os ámbitos, nomeadamente a mocidade, que é moi necesario, especialmente na mocidad urbana”. Tamén amosouse “encantado de que esteamos aquí non só representantes de concellos nacionalistas, senón de todas as forzas políticas do país, porque como está recollido no Plan de normalización lingüística e na Lei de normalización lingüística, aprobada por unanimidade no Parlamento galego, é un asunto que nos compete a todos. É necesario promocionar a lingua galega que é a lingua que necesita promoción no país, é o mellor que nos pode pasar, por iso, parabéns por actos como o que celebramos hoxe”.

Demetrio Gómez tamén destacou a importancia de darlle ferramentas á mocidade para desenvolver as súas inquedanzas.

O Club de Debate é un programa de promoción do uso da ligua que organizan conxuntamente os servizos de normalización lingüística dos distintos concellos. Nesta segunda edición da fase galega, para a cal se asinou hoxe unha addenda ao protocolo de colaboración xa existente, participan os concellos de Ames, Carballo, Cee, Ferrol, Ourense, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vigo.

Este proxecto, que tivo como antecedente unha iniciativa do Concello de Pontevedra, naceu ao abeiro do que sinala o Plan Xeral de Normalización Lingüística para un dos sectores que considera estratéxico, a mocidade, e recolle a responsablidade que lle atribúe á Administración local no seu cumprimento. Formúlase con base no obxectivo xeral de impulsar o uso da lingua galega cunha visión moderna, afable e útil desta e reforzando a súa estima. Procura activar o uso oral do idioma en contextos formais (os propios debates) e informais (a convivencia entre os participantes durante todo o desenvolvemento da actividade).

Os contidos que se traballan principalmente teñen que ver coas habilidades comunicativas e a oratoria, mais tamén é necesario un proceso de documentación sobre o(s) tema(s) dos debates que achega nocións, datos e argumentos e tamén teñen moita importancia outras cuestións transversais como o fomento do pensamento crítico, da tolerancia fronte á diversidade de opinións e o traballo en equipo

O Club de Debate organízase como un torneo por equipos en fases locais, comarcais e galega nas que os participantes teñen que defender, por quendas, a posición favorable e contraria sobre o tema proposto consonte unhas estritas regras de funcionamento.

Os grupos participan en nome dun centro escolar e teñen que estar formados por entre 4 e 10 membros de 3º, 4º de ESO ou 1º de bacharelato. Cada equipo estará dirixido por un/unha preparador/a, papel que corresponde a un profesor ou profesora do seu centro, e poderá asistir a un curso de formación inicial para coñecer polo miúdo as normas dos debates e practicar tamén as destrezas necesarias.

Os temas dos debates locais e comarcais son seleccionados contando coas propostas dos centros de ensino e inclúen cuestións relacionadas coa lingua mais tamén outros asuntos de actualidade que suscitan polémica na sociedade. O tema da final galega desta edición será: “O galego é unha oportunidade”.

Este documento recolle tamén as incorporacións dos concellos de Ourense e Cee que non participaron na edición anterior, o calendario das diferentes fases da competición e a cidade sede da final galega que, nesta ocasión corresponde a Santiago de Compostela e se vai celebrar o 4 de maio.

En función do número de equipos que se inscriban (antes do 30 de novembro na maioría dos concellos), organizaranse as competicións locais ou comarcais das cales sairá seleccionado o equipo de cada comarca que asista á competición final. Cada un destes equipos campións comarcais recibirá tamén un premio en material cultural valorado en 500 euros e para o segundo clasificado haberá outro agasallo, tamén en material cultural, valorado en 300 euros. Nesta edición prevese aumentar o número de comarcas que pasarán das catro da primeira edición a seis, de haber suficientes inscricións en todas elas.

O equipo que logre o premio final terá a oportunidade de participar nunha viaxe-convivencia dunha fin de semana para un máximo de 25 persoas nun espazo de interese natural e cultural da nosa comunidade.