Antón Louro e o INVIED pulen as últimas dificultades para desenvolver o convenio do parque de vivendas militares

60

O convenio urbanístico entre o Concello e o Instituto da Vivenda, Infraestruturas e Equipamentos da Defensa (INVIED) desenvolverase definitivamente durante este ano, o que vai facer posible a consolidación como espazo público dunha importante peza urbana situada ao Oeste de Campolongo e ao longo da rúa de Rosalía de Castro.
O acordo, que ambas partes levan negociando dende 2005, foi abordado hoxe entre o tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, e os xestores do INVIED desprazados ata Pontevedra. Nun prazo máximo de dous meses pecharase o documento e darase pé aos trámites para a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal nos dous polígonos previstos, cunha superficie superior os 30.000 metros cadrados.
O cambio no Goberno do Estado freou este convenio, que conta con informe previo favorable da Xunta dende 2010. Ademais, xurdiu un problema técnico: as catas realizadas nos terreos do inmoble onde está prevista a cesión de dous locais ao Concello, revelan dificultades para poder entregar os metros previstos no semisoto. Do total de 480 metros cadrados acordados, a metade debía estar no andar baixo e a outra no semisoto. Agora incrementarase a superficie en baixo, o que foi ben visto polo concelleiro de Urbanismo.
O INVIED quere resolver canto antes estas dificultades. O convenio podería asinarse nuns dous meses e, a partir de aí, a modificación do Plan Xeral levará entre catro e seis meses. A continuación o Instituto deberá proceder a urbanizar ambos polígonos, que deixarán de ser polígonos residenciais privados para pasar a ter carácter público. O investimento non deberá ser inferior aos 750.000 euros.
Está prevista a construción de tres novos edificios con algo máis de 50 novas vivendas na zona. Pero a principal novidade refírese ao parque de vivendas militares existentes nestes dous ámbitos, que totaliza unhas 250. Os responsables do INVIED calculan que poden comezar o alleamento destas vivendas cara finais de 2013 ou principios de 2014.
Antón Louro explicou que a modificación urbanística destes dous ámbitos urbanos permitirá completar a cidade nas proximidades de Campolongo, mellorando algunhas rúas, abrindo os interiores dos antigos recintos residenciais militares e creando espazos públicos. Ademais, lembrou, o Concello pasará a dispoñer dos dous novos locais, que poderá ceder aos veciños de Campolongo e Estrigueiras, dando así satisfacción a outra vella demanda.
De acordo co convenio, o primeiro ámbito está situado entre as rúas Fernández Ladreda e Xeneral Rubín e delimitado tamén polas rúas da Tablada e Sebastián González García-Paz. Conta con 24.229 metros cadrados. A segunda finca, denominada “Mollabao Norte”, está entre a rúa Manuel de Palacio e Rosalía de Castro cunha superficie de 5.373 metros cadrados.
No primeiro caso (Fernández Ladreda-Xeneral Rubín) o convenio posibilitará a modificación do uso residencial actual, vencellado ao Patronato de Casas Militares, por un uso residencial colectivo intensivo de acordo coa edificabilidade que concede o Plan de Urbanismo. Construiranse dous edificios con alturas máximas de baixo máis seis plantas e baixo cuberta. Asemade, se completarán e reaxustarán as aliñacións e rasantes do Camiño da Tablada adaptando as previstas no Plan á realidade física existente na zona. A cambio abrirase un vial entre o Camiño da Tablada e Fernández Ladreda, un aparcamento soterrado e a cesión ao Concello dun local de 479 metros cadrados en planta baixa e semisótano. Finalmente, amplíanse as zonas verdes e espazos libres.
No ámbito “Mollabao Norte” cambiarase o uso e tipoloxía actual de vivenda unifamiliar por uso residencial colectivo intensivo o que se traducirá na construción dun único edificio de baixo e cinco plantas proxectado especificamente para tapar unha antiestética medianeira. A ordenación permitirá crear unha praza pública como espazo centralizador do solo urbano circundante, aberta á rúa Rosalía de Castro, e con posibilidade de conexión a Manuel del Palacio. Créase unha nova praza pública de 3.856 metros cadrados e amplíase a superficie do colexio apegado en 108 metros cadrados, o que supón unha clara mellora da situación urbanística neste espazo.