Fouces pide ao futuro conselleiro de Benestar que aumente as contías para o Servizo de Axuda no Fogar

36

A concelleira de Benestar Social Municipal, Carmen Fouces remitiu esta mañá unha carta dirixida ao futuro titular da área de Servizos Sociais da Xunta de Galicia, para cando tome posesión o vindeiro luns, coñeza o desequilibro económico do Servizo de Axuda no Fogar no Concello de Pontevedra e poña fin a esta situación:

Ante nada, parabéns polo seu nomeamento. Aproveito a ocasión para facerlle saber que o Concello de Pontevedra está en plena disposición para colaborar naquelas cuestións que sexan necesarias, no marco das competencias atribuídas á Administración Local e sempre en beneficio das persoas que, máis que nunca, precisan das mellores  políticas sociais.

No marco destas políticas atópase o Servizo de Axuda no Fogar que polos datos que pasarei a detallar, está tremendamente desequilibrado, xerando unha perversa situación que obriga a detraer fondos do Concello para sufragar un servizo que tal como establece a Lei, debe ser financiado integramente pola Administración autonómica.

A súa Consellería establece 9.70 euros como prezo hora prestada no Servizo de Axuda no Fogar para as persoas dependentes, cantidade absolutamente desfasada. Por unha banda, está por debaixo do que debe cobrar un traballador ou traballadora que fai o servizo segundo o convenio do sector (7,65 euros por hora, máis trienios, máis pagas extras, máis transporte. Festivos e domingos a 18 euros á hora), e ao que debemos engadir a marxe de beneficio empresarial, polo tanto, esa diferenza está a sufragala os orzamentos municipais, cando a responsabilidade da financiamento recae exclusivamente na Xunta de Galiza segundo establece a orde do 22 de xaneiro do 2009 pola que se regula o Servizo de Axuda no Fogar. De feito, nas conclusións do Consello territorial deste ano 2012 recomenda un prezo sensiblemente superior diferenciado segundo o tipo de servizo prestado, entorno aos once euros por hora.

No caso do Concello de Pontevedra pagamos 4.75 euros por riba da financiamento da Xunta de Galiza, o que supón  unha achega do Concello de  237.500 euros para o ano 2012. A isto hai que engadir o persoal que destinamos en exclusiva á xestión do SAF.

Espero teña en conta esta situación e aumente a contía da hora prestada até financiar o 100% do servizo, xa que as posibilidades de seguir pagando a diferenza por parte do Concello é cada vez menor, e a nosa intención, como supoño que a súa, é preservar o servizo e non prexudicar as persoas dependentes.