O Concello recupera o Campo da Bouza de Santo André de Xeve para recreo veciñal

47

O Concello de Pontevedra iniciou nestes días os traballos de recuperación do parque do Campo da Bouza, na parroquia de Santo André de Xeve. O concelleiro delegado da parroquia, Miguel Filgueira e a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro visitan esta tarde as obras e manteñen unha reunión cos veciños para explicarlles como se sucederán os traballos.

O Concello pretende con esta actuación a recuperación deste punto de encontro dos veciños de Santo André dándolle a condición de punto de centralidade parroquial ao instalar un parque infantil, unha zona de deportiva e recuperar elementos patrimoniais que hai na zona.

O Campo da Bouza, situado na estrada xeral a Campo Lameiro (pasado o colexio de Xeve) será recuperado cun orzamento duns 100.000 euros e está previsto o arranxo do lavadoiro e da fonte do lugar, instalarase mobiliario urbano para o descanso dos veciños, un parque infantil e unha zona polideportiva para xogar fútbol sala ou baloncesto.

Ademais, faránse traballos de xardinería como a poda dos plátanos ou carballos desta arboreda e se cambiará toda a iluminación do parque.

Aínda que os traballos dependerán da meteoroloxía, os traballos poderían estar rematados a final de ano.