O alcalde visita distintas melloras na parroquia de Santa María de Xeve

51

 O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro delegado da parroquia de Santa María de Xeve fan esta tarde unha visita á parroquia para coñecer as diversas melloras que o Concello realizou en distintos lugares da parroquia. Esta visita está enmarcada dentro do interese do alcalde en ir coñecendo de primeira man as actuacións que se están a facer no rural pontevedrés.

A visita arranca no lugar de Couso onde coñecerán a restauración do lavadoiro do lugar, uns traballos que se incluíron dentro da programación de arranxo de lavadoiros e fontes das parroquias do rural.

Tamén manterá un encontro coa diretiva da Asociación Aspace, que en virtude dun acordo asinado do Concello de Pontevedra, mantén a súa sede no Centro social da parroquia de Xeve. Coñecerá o traballo da asociación e a colaboración e sinerxia que esta entidade está a ter cos veciños e asociacións da parroquia.

Na visita á parroquia tamén coñecerá dúas actuacións que se fixeron na Barcia, lugar da Igrexa, e en Gatomorto. Foi a ampliación de dous camiños que permite o acceso a peóns e vehículos (antes tiña moitas dificultades) o que mellora os accesos ás vivendas dos lugares. Esta actuación fíxose grazas a colaboración veciñal que aceptou o retranqueo de muros e a cesión de espazos para ampliar estos viais.