Un concerto de Aid pecha os obrairos de rap en galego

66

A Concellaría de Normalización Lingüística organiza un concerto da rapeira Aid, este venres ás 12.30 horas, no Teatro Principal de Pontevedra. Asistirán máis de 400 alumnos/as dos IES A Xunqueira 1, Sánchez Cantón, Frei Martín Sarmiento, Luís Seoane, do colexio Salvador Moreno e da asociación Amencer, co fin de achegarse á música feita en galego, asociar o galego ao lecer e incentivar o uso da nosa lingua entre a mocidade.
Esta actividade remata os obradoiros de rap en galego nos que participaron 350 estudantes de ESO e bacharelato dos IES A Xunqueira 2, A Xunqueira 1, Sánchez Cantón e Frei Martín Sarmiento ao longo do mes de novembro de 2012.
Ademais de rapear letras creadas co alumnado dos obradoiros, neste concerto Aid cantará temas do seu libro-disco Rapoemas (Galaxia, 2012), no que musicou poemas de clásicos galegos como Rosalía, Curros, Manuel Antonio e Cunqueiro coa forza do hip hop.
Obxectivos deste concerto, así como dos obradoiros realizados son:
• Dinamizar o uso do galego entre a xente nova
• Ligar o uso do galego á música e á expresión creativa, como ámbitos de interese para a mocidade
• Achegar a mocidade a novos ámbitos de uso para a lingua galega
• Dar a coñecer o rap e o hip-hop feitos en galego.

Aida Alonso Iglesias, Aid, é cantante e compositora de hip-hop e música urbana. Naceu en 1990, en Vigo. Aos 12 anos comezou a facer gravacións caseiras de rap. En 2007 lanza a súa primeira maqueta e en 2008 gaña a IV edición do Festival Heineken Geenspace, en Valencia, por diante de máis de 1.300 grupos, converténdose na primeira rapeira que o acada e na artista máis nova que o logra. Desde entón, non deixou de compoñer, cantar, editar e gañar concursos. Entre outros traballos, destacan a elaboración de obradoiros de hip hop en centros culturais e de ensino galegos e o seu traballo como reporteira e locutora en medios locais. Na actualidade tamén estuda Enxeñaría de Telecomunicacións na Universidade de Vigo.