Visita ao Concello dos eurodiputados da Alianza Libre Europea-Os Verdes

29

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores recibiu esta mañá a un grupo de representantes do grupo parlamentar europeo Alianza Libre Europea que están a realizar unha visita a Galiza convidados polo BNG. Ademais de sendas conferencias en Vigo e Santiago, catro dos representantes desta comitiva: a eurodiputada do BNG, Ana Miranda; Jill Evans, eurodiputada do Plaid Cymru (Gales); Ian Hudghton, eurodiputado do Partido Nacionalista Escocés e presidente do SNP; Françoise Alfonsi, eurodiputado do Partitu da Nazione Corsa, visitaron a cidade de Pontevedra interesados por recibir recentemente o prestixioso premio Intermodes 2013.
Na súa comparecencia de prensa Ian Hudghton, destacou que se estaba a tratar dunha viaxe moi instructiva dado que están a coñecer realidades dos gobernos nacionalistas en distintos puntos de Europa. Felicitou ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e ao seu equipo polo recente premio Intermodes, por mellorar a cidade e por amosar que outros modelos son posibles.
Explicou que existen moitos motivos do éxito do Partido Nacionalista Escocés, pero sobre todo se debe ao bo goberno que fixo nos gobernos locais, e o entusiasmo crecente na cidadanía pola independencia que lles deu a confianza para gobernar a autonomía.
Jill Evans, eurodiputada do Plaid Cymru e presidenta do grupo parlamentar do ALE, explicou que este grupo de europarlamentarios aprendeu a compartir experiencias e boas prácticas, aprendendo un de outros, e Pontevedra é un modelo de boas prácticas aplicado a unha cidade.
No contexto de debate do futuro de Europa, Jill Evans destacou a importancia de falar coas xentes das cidades a favor do dereito de autodeterminación igual que a defensa das culturas e dos idiomas.
Françoise Alfonsi, o representante corso, asegurou que aínda que todos os que integran ao grupo parlamentar ALE foron elexidos polos diferentes estados “sentímonos moi próximos e unidos por ser europeos orgullosos da historia dos nosos países e dos nosos pobos”.
Explicou que “para moitas persoas das grandes capitais –París, Londres, Madrid- é paradoxo ser nacionalista e pro europeo”. Pero indicou que Pontevedra foi galardonada en Europa polo impulso dun goberno nacionalista, que nós compartimos, e que vai no sentido en que vai toda Europa”.
Finalmente, Françoise Alfonsi explicou que el tamén é alcalde, como Lores, pero dun concello moito máis pequeno: de só 112 habitantes. “Agardo outro intercambio e que o alcalde nos veña visitar ao noso pequeno concello que non ten un Consistorio tan grande como este, pero conta cunha pequena casa do Concello, moi fermosa e patrimonio da Unesco”.