Servizos que se prestan

85

Asesoría xurídica

Dirixido a todas aquelas mulleres que necesiten asesoramento nos seguintes temas: dereito de familia, maltrato, orde de protección, xustiza gratuíta, dereito penal, dereito civil, discriminación sexual, acoso laboral, etc. 
 
Ligazóns relacionadas :
 
Guía dos dereitos das mulleres vítimas de violencia de xénero (galego)
Novidades en relación coas mulleres estranxeiras (galego)
 
Asesoramento laboral
Dirixido ás mulleres vítimas de violencia a través da inclusión nos programas específicos para a súa incorporación laboral. Derivación nos demais casos aos servizos existentes de emprego da nosa cidade.
 
Ligazóns relacionadas :
 

 

Asistencia psicolóxica
Inclúe os seguintes servizos: terapia individual, derivación, formación a profesionais, prevención, intervención en centros educativos, escolas de familia…
 
Existen dous programas específicos de intervención aos que se accede mediante petición de consulta no CIM: 
 
PROGRAMA DE APOIO PSICOLÓXICO
A intervención do programa de apoio está especialmente indicada naquelas mulleres que desexan axuda psicolóxica por problemas relacionados con dificultades na vida en parella. Entre outras inclúense:
 
  • Insatisfacción nas súas relacións de parella, presentando ansiedade e depresión
  • diante dunha toma de decisións.
  • Desconfianza, tristura, desengano e culpa despois da ruptura de parella.
  • Crise na parella.
  • Preocupación polas fillas ou fillos nos casos de separación ou divorcio.

 

 

PROGRAMA DE ATENCIÓN A VÍTIMAS DE VIOLENCIA
A atención psicolóxica organízase en torno a un proceso de acompañamento, análise e comprensión clínica dos conflitos que axuden ás mulleres ao esclarecemento e desarticulación dos mecanismos de culpa, illamento e impotencia que a levaron a situación actual.
 
O proceso ten como eixo transversal a perspectiva de xénero de xeito que se diferencie claramente entre os aspectos interpersoais e aqueles socioculturais e estruturais provenientes da nosa rede social.
 
Nunha primeira fase traballaríase sobre os factores xeneralizados que se manifestan na vítima de malos tratos. Actuaríase sobre a sintomatoloxía que xorde da experiencia traumática de sometemento e abuso e que non estaría relacionada coas estruturas persoais de orixe senón coas experiencias vividas no proceso de vitimización:
  • Baixa autoestima
  • Sensación de impotencia
  • angustia
  • vergoña
  • confusión entre vínculo afectivo e dependencias
  • desconfianza nas propias percepcións
  • distorsións no criterio da realidade …
 
Unha vez clarificada situación nesta primeira fase aténdense ás necesidades específicas de cada muller co obxectivo xeral de alcanzar un proxecto de autonomía viable en cada caso. 
 
Ligazóns de interese:
 
Programa de atención psicolóxica a vítimas de violencia da Secretaría Xeral de Igualdade e o COP
Programa de atención a homes con problemas de control da violencia “abramos o círculo”
 
Asesoramento social en temas específicos sobre violencia contra a muller
 
 A intervención na área social ten por obxecto apoiar a muller, informala sobre os dereitos que a asisten e propoñer alternativas para rematar coa situación de malos tratos, creando deste xeito novas oportunidades e romper co ciclo de violencia ao que se ve sometida. Para que estes obxectivos sexan cumpridos, en moitos casos os/as profesionais dos servizos sociais de base vense na obriga de realizar unha valoración e posterior derivación do caso aos servizos sociais especializados coa finalidade de proporcionarlle á muller alternativas de aloxamento e un servizo de carácter individualizado.
 
Tarefas a realizar nos casos de maltrato
  • Informar, valorar e orientar as mulleres que sofren violencia de xénero en canto aos recursos existentes. 
  • Desenvolver programas de intervención para proporcionar recursos e medios que faciliten a integración social da muller. 
  • Xestionar a tramitación das axudas que correspondan. 
  • Derivar a muller aos servizos sociais especializados cando a situación persoal desta así o requira. 
 
Atención a mulleres con discapacidade que sofren violencia de xénero
 
Debemos considerar que ademais das barreiras de carácter arquitectónico, de comunicación e doutros tipos, en moitos casos a muller que presenta algún tipo de discapacidade é maltratada pola propia persoa da que depende para desenvolver actividades da vida diaria, polo que se debe facer fincapé no dereito de información recollido na Lei 1/2004: “articularanse os medios necesarios para que as mulleres vítimas de violencia de xénero que polas súas circunstancias persoais e sociais poidan ter maior dificultade para o acceso integral a información, teñan garantido o exercicio efectivo deste dereito”.
 
Para romper coa dinámica de maltrato exercida pola persoa que convive coa muller resulta importante ter en consideración o artigo 46 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero no que se di: “as mulleres maiores e as mulleres afectadas de diversidade funcional que sufran violencia de xénero, así como as persoas delas dependentes, consideraranse colectivos preferentes para acceder aos equipamentos sociais especializados, nomeadamente residencias para persoas maiores e centros de día”.
 
Debemos ter en conta que as mulleres con dificultades de aprendizaxe constitúen un colectivo especialmente exposto a sufrir agresións, xa que en moitos casos non tiveron acceso á educación sexual, polo que descoñecen os seus dereitos sexuais ou como poden protexerse. Resulta imprescindible, por tanto, a adaptación dos recursos ás mulleres con discapacidade de xeito que garantan a correcta información e asesoramento da muller vítima de violencia de xénero.
 
Atención a mulleres inmigrantes que sofren violencia de xénero
 
Segundo o artigo 14 da Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, modificada pola Lei orgánica 8/2000, do 22 de decembro, "as persoas estranxeiras, calquera que sexa a súa situación administrativa, teñen dereito aos servizos e prestacións sociais básicas e, se son residentes, a acceder ás prestacións e servizos da seguridade social e aos servizos e prestacións sociais".
 
As mulleres inmigrantes teñen un dobre risco de sufrir violencia de xénero, por ser mulleres e por ser estranxeiras. Por este motivo débese prestar unha atención especial a este colectivo.
 
Con independencia da nacionalidade ou da situación administrativa, posesión ou non do permiso de residencia, poden acudir nas mesmas condicións que o resto das mulleres aos procedementos tanto penais como civís. Débense ter en conta algúns aspectos: 
 
Terá dereito a presentar denuncia polas agresións aínda que non posúa permiso de residencia, así como intervir no procedemento penal con avogado/a e procurador/a presentándose como acusación particular. 
 
Dereito á solicitude da orde de protección que garanta a seguridade da muller e fillos/fillas. 
 
No procedemento civil deberá iniciar un procedemento de separación se está casada. 
 
En caso de non estar casada debe tramitar un procedemento de garda e custodia e alimentos se os fillos e fillas residen en España. 
 
Dereito á asistencia xurídica gratuíta nas mesmas condicións que as mulleres españolas. Este dereito supón a posibilidade de obter a designación de avogado/a e procurador/a da quenda de oficio especial, sen custo, sempre e cando se presente a documentación necesaria. En caso de non cumprir os requisitos terá que aboar os honorarios do avogado/a e procurador/a. 
 
A resolución do Parlamento Europeo, do 11 de xuño de 1986, sobre as agresións á muller reitera a necesidade do dereito individual ao permiso de residencia, xa que no caso do permiso de reagrupación familiar, a muller depende do seu esposo ou pai. En caso de denuncia a vítima debe saber que non perderá este permiso, e pode obter un permiso independente cando o motivo de separación sexan os malos tratos e o xulgado lle conceda a orde de protección. 
 
Tamén pode solicitar o permiso de residencia independente cando teña unha oferta de traballo e obteña autorización para traballar, ou cando leve cinco anos residindo en España. 

 

RECURSOS
 
AXUDAS PERIÓDICAS DE APOIO A MULLERES QUE SOFREN VIOLENCIA DE XÉNERO  (SALARIO DA LIBERDADE)
AXUDAS E INDEMNIZACIÓNS PARA MULLERES VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO (PAGO ÚNICO E INDEMNIZACIÓNS)
TELEASISTENCIA MÓBIL PARA VÍTIMAS DE VIOLENCIA (ATEMPRO)
 
 
COMPARTIR