Moi bo ritmo de inscricións na Campaña de compostaxe doméstica

100

A Concellaría de Servizos mantén aberto o prazo de inscrición na campaña de compostaxe doméstica para as parroquias de Mourente, Marcón e Bora até o próximo mércores, 3 de abril. A concelleira Carme da Silva, delegado do servizo, destaca o bo ritmo de inscricións, pero aínda quedan algunhas prazas valeiras para aquelas persoas que queiran participar deste programa informativo e formativo de recuperación das formas tradicionais de tratamento dos residuos orgánicos. A Concellaría realiza este programa en colaboración coa asociación ecoloxista Adega.
Trátase dunha segunda edición do programa de compostaxe doméstica, xa que se realizou en Salcedo e Tomeza, e pretende ser un plan de educación ambiental para adultos e para informar e ilustrar sobre a xestión adecuada da materia orgánica devolvéndoa á terra, e reiniciando o seu ciclo “vital”.
Até o momento rexistráronse 46 inscricións das 50 prazas ofertadas, aínda que a Concellaría está disposta a ampliar o número de prazas se a demanda segue a este bo ritmo de inscricións.
O plan está pensado para persoas empadronadas nas citadas parroquias, que deberán presentar a folla de inscrición no Rexistro Xeral do Concello achegando un volante de empadronamento para xustificar a súa residencia nalgunha destas parroquias. Tamén deben ter unha vivenda con horta ou xardín, e non ter participado noutras campañas de compostaxe.

 

Os inscritos deberán participar nunha charla informativa o vindeiro 8 de abril, a partir das 19.30 horas no Pazo da Cultura. Neste acto entregaráselles os composterios, daráselle información sobre o seu uso, tamén sobre o uso do compost, e o sistema de residuos de Galicia. Tamén se lles dará un manual.
Dende ese momento, e até final de ano será Adega a encargada de facer tres visitas ás casas que reciban os composteiros para facer un seguimento do programa, tamén para resolver as dúbidas que poidan xurdir á
hora de pór en marcha a compostaxe. Ademais, pasaráselles unha enquisa para coñecer a súa opinión sobre o proxecto.