Sinatura do convenio dos accesos a Montecelo e Principe Felipe

77

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e o presidente da Deputación, Rafael Louzán, asinaron hoxe o convenio de colaboración entre as dúas administracións para unir a estrada de Marcón-Bora co Príncipe Felipe e Montecelo, xunto á estrada de Ponte Caldelas.
O convenio recolle un investimento de 2.420.000 euros no que está incluído a construcción do vial e das expropiacións, dirección de obra e seguridade, así como a redacción do proxecto que se estima nuns 60.000 euros.
O acordo plasma que a Deputación provincial levará a cabo a redacción do proxecto e financiará o 50% da obra. Pola súa banda, o Concello de Pontevedra abonará o importe das expropiacións (estimado en 560.000 euros) e o restante da obra.
A Deputación será a encargada de redactar o proxecto, licitar, executar e recepcionar as obras, e tamén realizará a tramitación administrativa da expropiación de fincas. O Concello achegará as contías para a expropiación así como a súa parte na construcción da obra, participará na comisión de seguimento do proxecto.
O obxectivo deste convenio “é mellorar a accesibilidade ó complexo asistencia Príncipe Felipe e ó Hospital Montecelo coa construcción do acceso a Príncipe Felipe-Montecelo, dende a PO-542 no lugar do Marco, até o complexo asistencial”.
“Esta actuación dotará a zona este da cidade dunha vía que sustitúa o atallo que actualmente se emprega a través das rúas das Pereiras, das Olivas e Anxel Limeses, claramente insuficientes e non destinadas para soportar o tráfico actual”, afirma o convenio. “A construcción desta infraestrutura terá unha dobre funcionalidade, dun lado o acceso ao complexo asistencia e doutro a mellora da mobilidade na zona leste da cidade, podendo integrarse no futuro como parte da ronda urbana”.