Comezan os Roteiros Temáticos Urbanos coñecendo os “Recantos con encanto”

71

A Concellaría de Patrimonio Histórico inicia mañá o primeiro Roteiro Temático Urbano que estará guiado polo crítico de arte, Ramón Rozas que dará a coñecer os “Recantos con encanto” da cidade. A Concellaría pechou onte a inscrición para participar neste roteiro porque está completa.
Este roteiro partirá ás 11.00 horas da praza da Leña e visitaranse outros lugares como  a praza de Méndez Núñez (Valle Inclán e placa de Méndez Núñez); praza da Verdura (fonte, Casa da Luz e fiestra medieval), A Ferraría (Casa das Caras, Xardíns e fonte, rosetón de San Francisco), A Peregrina (tondo no altar do santuario e figura de Teucro, estatua do Ravachol), As Palmeiras e Alameda (Monumento aos Navegantes, azulexos de Carlos Sobrino, monumento dos Heroes de Ponte Sampaio), busto de Manuel Quiroga…
Os Roteiros Temáticos Urbanos son cinco saídas que permitirán descubrir os pequenos recantos, os xardíns, os conventos, as arquitecturas contemporáneas e os espazos da heterodoxia de Pontevedra. Con esta iniciativa, a Concellaría que xestiona Luís Bará pretende de descubrir a outra cidade, a que non vemos habitualmente debido ás presas e ás urxencias cotiás…, a que se agocha nos grandes edificios ou nos pequenos detalles… Unha Pontevedra de contrastes, na que convive o silencio dos espazos sagrados e o albordo dos parques, prazas e xardíns; a presenza contundente do relixioso e a faciana oculta do profano e do proscrito; a magnificencia das grandes arquitecturas e o engado das pequenas formas escultóricas. Unha Pontevedra, en fin, sedutora, cálida, inédita, para degustar pausadamente en cinco xornadas de sábado.
Para o segundo roteiro a inscrición abrirase o luns, 29 de abril a través da entrada Actividades Patrimonio, na páxina web www.pontevedra.eu. Ese segundo roteiro estará conducido por Carmela Sánchez Arines e amosará os conventos e igrexas medievais da cidade.