Trescentos rapaces coñecerán no Salgueiral a vida no rural galego

81

O Concello de Pontevedra e a Comunidades de Montes do Salgueiral, na parroquia de Bora, pon en marcha a terceira edición das visitas guiadas lúdico-educativas sobre o rural para escolares, que como novidade terá como especiais protagonistas os veciños do Salgueiral que abrirán as súas casas para amosar o lagar, hórreo, alpendre, cortes, forno…
Segundo explicaron o concelleiro Miguel Filgueira e o presidente da Comunidade de Montes, José Bravo o obxectivo é pór en valor entre os propios veciños, e tamén no resto do concello, o esforzo de recuperación do patrimonio histórico e natural do Almofrei.
Este proxecto farase con 300 cativos de 2º, 3º e 4º de Primaria durante varias mañás (de 10.00 a 13.30 horas) seguindo as pistas dun xogo que os achegará a vida cotiá do campo: sacar os animais a pacer as leiras, coñecer os cereais, coñecer as partes dunha casa tradicional galega, a moida do gran…
Nestas visitas participarán directamente os veciños do lugar. A señora Laura amosará o seu corral con todos os aperos típicos; o señor Basilio falará do millo de como se debulla, moe…; o señor Evangelino explicará o mundo do gando nas casas galegas…

COMPARTIR