Pontevedra acolle este sábado o III Torneo de Minibasket

63

O deporte da canastra será protagonista durante esta fin de semana en Pontevedra. A cidade celebra o “III Torneo Minibasket” que organiza o club Baloncesto Estudiantes de Pontevedra. O evento conta co patrocinio da Concellería de Deportes.
A cita foi presentada hoxe no Concello nun acto presidido polo concelleiro, Agustín Fernández, xunto cos responsables do Baloncesto Base, Miguel Barreiro e Cuco Rodríguez.
Nesta terceira edición, a celebrar durante toda a xornada do sábado, día 25, haberá máis de 300 rapaces, distribuídos en 21 equipos pertencentes a 9 clubs da provincia. O mellor do baloncesto base da provincia, como subliñaron os organizadores. Estarán, ademais dos dous clubs organizadores, o C.B. Arxil, o Marín Peixe Galego, o C.B. O Grove, o C.B. Cortegada, o C.B. Río Ulla, o C.B. Vilagarcía, o C.B. O Meco e o C.B. Baiona. Varios deles achegarán equipos masculinos e femininos.
No torneo, de carácter mixto, participarán deportistas de categorías benxamín e alevín. Trátase dun certame non competitivo no que se pretende potenciar a convivencia e o amor polo deporte. Cada equipo benxamín disputará tres partidos e os alevíns, dous. Os partidos disputaranse no Pavillón do Instituto A Xunqueira e no Pavillón Multiusos e prolongaranse durante toda a xornada de mañá.
Agustín Fernández destacou o labor que está a facer o Baloncesto Estudiantes de Pontevedra a prol da difusión deste deporte na cidade. Lembrou o proceso de fusión acometido a temporada pasada entre os dous clubs masculinos existentes ata entón. Animou a clubs doutras especialidades deportivas a continuar o bo exemplo ofrecido polo baloncesto local porque, cunha maior unión, poderían crecer e aspirar a mellores resultados.
Miguel Barreiro lembrou que, de feito, trátase do primeiro Minibasket que organiza o Estudiantes despois da unificación e anticipou que xa están a traballar na organización dun torneo de 12 horas de baloncesto (das 10 da mañá ás 22 horas) no que terían cabida todas as categorías. Pronto haberá novidades.
Cuco Rodríguez subliñou que o principal obxectivo do club é dar ao baloncesto o protagonismo que merece en Pontevedra, unha cidade que respira balonmán e fútbol, e na que cómpre ir despertando a paixón polo deporte da canastra. O torneo de Minibasket, engadiu, é unha boa fórmula para que os rapaces gocen, xoguen e se relacionen ao tempo que imos enganchando aos pais.