A Casa de montes de Salcedo expón durante a fin de semana o proxecto da Casa da Cultura

42

A Casa de montes de Salcedo exporá durante esta fin de semana o proxecto da Casa da cultura da parroquia. Foi presentado esta mañá polo concelleiro delegado de Salcedo, Demetrio Gómez, que, pendente de pechar os últimos flecos, pretende que o proxecto sexa licitado ao longo do ano, e se poidan iniciar as obras no mes de decembro.
O proxecto é froito do consenso adquirido no Consello parroquial de Salcedo entre todos os colectivos e asociacións que o integran –tamén o Concello-. O concelleiro quere agradecer este consenso para que a Casa da cultura da parroquia sexa unha realidade, xa que é unha infraestrutura cultural moi necesaria para a parroquia do rural máis grande e con maior tecido asociativo do concello.
Dende o punto de visita constructivo, a Casa da Cultura estará situada nunha parcela segredada da da Casa de montes –entregada polos comuneiros para este fin-, e a súa situación ao carón da Casa de montes, dos colexios de ensino da parroquia, da igrexa, do cemiterio, do pavillón permitirá contribuir a afianzar o núcleo de centralidade parroquial de Salcedo.
Está proxectado un edificio de planta única cunha sala multiusos (de máis de 120 metros cadrados) para acoller a un importante número de persoas (asembleas, cursos numerosos…). Estará proxectada de tal forma que se poderá subdividir até en cinco salas divididas por paneis insonorizados o que permitirá realizar distintas actividades simultáneas sen que interfiran unhas noutras.
Nesta sala instalarase dun escenario accesíbel, e terá unha porta de acceso directo ao almacén para permeabilizar os usos e necesidades deste espazo multiusos.
Disporá de distintos espazos propios de oficina e servizos: despachos, salas de máquinas, almacén, servizos,… E tamén  un vestíbulo de entrada que poderá compatibilizarse cunha zona de encontro, lectura, biblioteca. Tamén disporá dunha cociña que se poderá empregar para realizar cursos ou para o uso necesario das asociacións.
O proxecto poderase consultar esta fin de semana na Casa de montes, e a partir do luns estará exposto no Local social de Cabanas.