Obras en Joaquín Costa e praza de España

54

O Concello de Pontevedra comezou esta mañá obras de reparación na rúa Joaquín Costa, diante do centro de ensino Álvarez Limeses, na rúa Joaquín Costa, onde se detectaron afundimentos na calzada debido a que cedeu o firme. As obras consistirán na retirada do lastro, na mellora do firme e na nova colocación do lastro entre faixas de pedra.
Para acometer estas melloras é preciso o peche da rúa á circulación rodada durante esta semana. O peche materializouse esta mañá, ás 08.00 horas, e está previsto que se abra ao tráfico ao longo da fin de semana. Estará autorizado o acceso a garaxes, a carga e descarga única e exclusivamente para os establecementos da rúa, e aos servizos da Policía Nacional que terá acceso en dirección contraria dende Blanco Porto.
A Policía Local xa informou aos establecementos da zona sobre o peche, e tamén á Policía Local.

Praza de España
A praza de España tamén está en obras. A empresa adxudicataria das obras de urbanización da praza está a acometer traballos de reparación do lastro no ámbito da Subdelegación do Goberno. Os traballos, que se farán en distintos puntos da praza sucederanse durante toda a semana, polo que permanecerá pechada ao tráfico por este punto até o día 8.
Estas reparacións están incluídas dentro da garantía da obra, polo que están sendo executadas pola empresa adxudicataria sen coste para o Concello, e logo de fixar cos técnicos municipais os puntos de intervención necesaria.