Guttemberg dá paso a Galileo nos obradoiros sobre os inventos para nenos

28

 Coñecidos os inventos de Guttemberg, a Concellaría de Festas en colaboración coa de Patrimonio Histórico inician o luns, 15 de xullo, o obradoiro de “Inventos de Galileo Galilei”, no que se dará a coñecer a figura de Galileo Galilei e os seus inventos. Os nenos participantes poderán facer os seus propios telescopios, termómetros, péndulos e maquetas da Terra xirando darredor do Sol. Impartirase o luns, 15 de xullo, 16, 22 e 23 de xullo.
Este ciclo de obradoiros sobre os inventos está enmarcado dentro das actividades que a Concellaría de Festas está a organizar no marco da promoción e dinamización da Feira Franca. Faise en colaboración coa Concellaría de Patrimonio Histórico que escolleu o CITA para impartir estas xornadas científicas para nenos.
O ciclo de obradoiros complétase con:
• Os inventos de Leonardo Da Vinci: Achegámonos á súa figura, xenio universal e símbolo do home do Renacemento e os seus innumerables inventos, precursores dos modernos carros de combate, helicópteros, paracaídas, ala delta, pontes, submarinos… Así mesmo estudaremos as  proporcións do corpo humano co home de Vitrurio. Impartirase os días 29 e 30 de xullo, e o 5 e 6 de agosto.
• Innovacións dos séculos XV e XVI: Creación dos compás (brúxulas), a aparición dunha nova forma de comerciar e con ela os cheques e letras de cambio, as diversas fórmulas para tinguir os téxtis e as novas armas e formas de defensa. Os nenos e neas elaborarán diversos obxectos (compás, armas, téxtil, abalorios), e experimentarán con variadas técnicas. Impartirase os días 19, 20, 26 e 27 de agosto.
Son obradoiros de balde, pensados para nenos de 5 a 12 anos cun cupo de 15 prazas. Impartiranse os días sinalados de 10 a 12 horas.

COMPARTIR