Volve Chalana do 18 de xullo até o 4 de agosto, no Paseo Odriozola

35

Dende o 18 de xullo até o 4 de agosto o Paseo Odriozola acollerá a VI edición da Feira de Artesanía “Chalana” que organiza a Asociación de Deseño Atlántico, en colaboración coa Concellaría de Festas.
Nesta edición Chalana convocará a 14 artesáns, todos galegos, onde se amosará o pasado e o presente da artesanía galega con diversidade de productos. Tamén será unha mostra da forza que ten a artesanía galega na actualidade, segundo explicou a concelleira Carme da Silva, dado que Chalana tivo que descartar a participación de máis artesáns na mostra.
Chalana estará aberta de 11 a 14 horas e de 19 a 23 horas, e ofertará productos de prata, coiro, cerámica, tecido, instrumentos, forxa ou xoguetes de madeira. Por vez primeira participa a ceramista Pilar Piñeiro.
Por parte da Asociación Os Alegres, farase un pandeiro dun metro por un metro para amosar como se confecciona artesanalmente este tipo de instrumento e tamén para recordar a tradición e lenda existente na zona do Courel, onde nunha época na que as colleitas eran malas por mor do tempo, os veciños do lugar fixeron un pandeiro dun metro por un metro e sacaron á santa en procesión para que parara as treboadas. Ao tempo da procesión, as mulleres do lugar ían tocando o pandeiro para facer máis ruído que os lóstregos e tronos.