Máis de 3.220 manuais entregados polo Banco de libros a 846 familias

46

O Banco de libros de texto que xestiona a Concellaría de Benestar Social Municipal comeza a facer balance de solicitudes e entrega de libros para o vindeiro curso, aínda que está á espera de recibir máis manuais no mes de setembro, logo dos exames. O banco de libros entregou até o de agora 3.224 manuais (1.698 de Secundaria e 1.526 de Primaria), cun valor do mercado aproximado duns 100.000 euros.
Até esta semana, o Banco levaba atendidas 846 familias, das cales 655 xa recolleron os seus libros; e 142 familias están avisadas para que acudan á Casazul a recoller os seus lotes.
Non se puideron satisfacer as peticións de 49 familias, pero o Banco está á espera da entrega de libros do mes de setembro (logo dos exames) para poder facer algún lote. No caso de non percibir ningún libro que lles poida ser útil, a Concellaría faralles un vale para material escolar.
A páxima web redeaxuda.com xa ten colgados dende hoxe os 1.000 libros vixentes que sobraron, que poderán ser solicitados polas familias que os necesiten. As persoas interesadas deberán remitir un correo a apgonzalez@pontevedra.eu cos libros que solicita. As solicitudes atenderanse por rigorosa orde de chegada.
A Concellaría de Benestar Social Municipal confía nunha boa segunda entrega de libros no mes de setembro, especialmente de Secundaria, porque foi o ciclo que quedou máis desatendido nas peticións das familias, posiblemente polos exames de setembro. Precisamente, a Concellaría quere facer un chamamento ás familias cuxos alumnos remataron este ano Bacharelato para que entreguen os manuais válidos ao Banco de libros, porque foi un dos cursos que menos cobertura tivo, probablemente pola desvinculación do alumnado ao rematar os estudos obrigatorios.
A Concellaría de Benestar está a preparar vales para todas as familias que entregaron libros ao Banco pero que non poden percibir ningún ou que entregaron moitos libros e recibiron lotes pequenos. En setembro, a Concellaría porase en contacto con elas para darlles a cambio vales de compra de material en distintas librerias da cidade.
Carmen Fouces, concelleira de Benestar Social Municipal, quere agradecer a colaboración desinteresada e solidaria de moitas familias que entregaron libros sen solicitar nada a cambio, ou que as percibiron moito menos do que entregaron.

COMPARTIR