O Concello esixe ao Sergas que asuma o Centro de Atención a Drogodependentes da comarca

47

O Concello de Pontevedra, a través da Concellaría de Benestar Social Municipal, iniciará nas vindeiras semanas –co inicio do curso político- promoverá reunións e encontros tanto coa Fegamp como co Sergas para que a administración autonómica asuma o control do Centro de Atención a Drogodependentes que o Concello ten nos baixos da praza Valentín García Escudero. A concelleira Carmen Fouces explicou esta mañá que “é un servizo imprescindible que repercute directamente na sociedade, e non telo sería un retroceso de 30 anos, pero o Sergas debe asumir a súa titularidade completa”, dado que se trata dunha evidente competencia puramente sanitaria, impropia do Concello de Pontevedra, e dos concellos en xeral.
Carmen Fouces explicou que este servizo está en marcha dende o ano 1992 e ao fronte está un equipo médico (psicólogos, psiquiatras, enfermeiros…) que dependen funcionamente da Subdirección xeral de Saúde Mental do Sergas, que é quen establece os criterios de traballo no centro. E desenvolve varios programas sanitarios deseñados polo Sergas.
No ano 2012 atendeu a 871 doentes, dos cales 125 foron casos novos. De feito, o convenio polo que o Concello aceptou colaborar neste tipo de centros (que data de 1991) recolle que debe atender a doentes de 13 municipios, pero na realidade a subdirección da que dependente pode derivar calquer tipo de doente, incluso de fora da comunidade autónoma.
Dende o ano 2010, a Xunta comezou a recortar considerablemente o orzamento que destina a este centro de Pontevedra. Pasando de 500.000 euros naquel momento, a 414.000 no ano 2012. E as previsións para 2013 son dun recorte dun 11% máis e asumir o pago do centro durante 15 meses, e non 12 como até agora.
Carmen Fouces insistiu en que se trata “dun servizo imprescindible, dado que a súa eliminación suporía un gasto social máis custoso que o que custa na realidade”, e o Concello de Pontevedra sempre o asumiu por iso acordou a súa colaboración. “Pero ante esta oleada de recortes, no que o Concello deberá poñer o 40% do custo mensual do servizo, debe ser o Sergas que asuma dunha vez por todas unha competencia claramente impropia para o Concello”.