Na beira do río. Diálogos na pintura

37

Terceira edición destes diálogos a carón do río pensados para respirar a forza da pintura dende a súa eterna capacidad para suxerir formas e sensacións, e cos paisaxes da mente que xorden arredor de nós mesmos. Un berro de reivindicación deste xeito de expresión artística tan antiga como o propio home e que resiste o pulso fronte outras expresións que por moito que a acosen non poderán con ela aínda que poida semellar o contrario.
Eduardo Dios (Pontevedra, 1946) e Pancho Rodiño (Pontevedra, 1967) conforman unha cita moi especial, unha aposta polo seu xeito de entender a pintura que vai facer desta nova edición de ‘Na beira do río. Diálogos na pintura’ un soltar amarras coa que foi a gran protagonista das dúas edicións anteriores a figuración humana. Estes personaxes aínda asomarán na pintura de Eduardo Dios, solitarios dentro dunhas paisaxes cheas de inspiracións para o espectador: grandes xeografías vencelladas á historia do home, ao valor da palabra, ao
mito e ao paso do tempo, o alicerce do que nós mesmos somos hoxe; para xa na obra de Pancho Rodiño esvaecerse por completo dentro duns territorios de suxerencias, de elementos que entenden a pintura como unha introspección da nosa paisaxe e o seu replantexamento posterior. Unha deconstrucción do noso contorno que volverá a nós construido dun xeito tan hermético como apaixoante. E aquí o río ten unha significación esencial, ao compoñer Pancho Rodiño toda unha obra a carón desa imaxe especular onde todos nos reflectimos, onde o fluir da vida metaforízase nunha corrente e nunhas orelas as que as veces nos asomamos na procura dunha mirada hacia o noso interior.
Falamos dun compromiso coa pintura que o propio Eduardo Dios valora como “Como un compromiso de superación no oficio, unha esixencia para poder trasportar ás demais persoas os sentimientos que a vida nos trasmite coa maior nitidez posible, e para iso considero necesario rigor e sabedoría. Como instrumentos: a beleza e a harmonía na composición, en definitiva, empregar as ferramentas que nos ensinaron os mestres ao longo do tempo”; mentres que para Pancho Rodiño “A pintura, como o cauce dun río, inunda e flúe na miña vida de tal xeito que en ocasións ata nos soños está presente. Sempre estou pintando, cando estou no estudio cos pinceis e tamén cando paseo pola rúa, vou a un concerto, ou tomo un café nunha terraza. A pintura está na mirada e na cabeza, sempre vai conmigo, non recordo pasar un solo día sen pensar, sen sentir, sen ver con ollos de pintor”.
‘Na beira do río. Diálogos dende a pintura’, plantexa así un novo enfrontamento entre dous creadores, entre dous pintores, que honran a esa palabra e a disciplina artística coa que decidiron facernos partícipes do seu talento. Dous nomes de dous tempos distintos, de formacións e experiencias moi afastadas entre sí e que responden a pulsións alleas entre ambos á hora de facer a súa pintura, pero que ao convivir de xeito tan preto comprobaremos como entre eles asoman fíos que enguedellan unha pintura coa outra. A valoración da liña, o hermetismo e a atmósfera das súas imaxes, a capacidade para a suxerencia, a inquietude que desprende cada cadro, en definitiva unha aperta entre dúas traxectorias con ese río como testemuña dunha inspiradora unión, como tantas veces fixo esa corrente de agua ao longo da historia da arte.

Ver documento PDF