O Concello permitirá fraccionar o pago do IBI

111

O portavoz do Goberno e concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González explicou esta mañá que o seu departamento acordou aplicar dende o vindeiro ano 2014 o fraccionamento do pago do IBI para todos aqueles contribuíntes que o soliciten. Raimundo González explicou que neste ano houbo arredor de 15 contribuíntes que solicitaron ese pago aprazado, o que supón que supón unha avantaxe nesta situación de crise.

No marco dunha ordenanza ambigüa, o Departamento de Facenda acordou aplicalo a partir do vindeiro ano. Deberá solicitarse por antelación (as datas aínda están por concretar, pero poderá ser nos meses de abril ou maio) e o primeiro pago será nos meses de xuño ou xullo (tamén está por pechar). O segundo pago será no mes de outubro. Todos aqueles contribuíntes que non soliciten este fraccionamento pagarán o IBI no mes de outubro, como na actualidade.

Raimundo González explicou que o pago deberá facerse dentro do ano económico, que coincide de xaneiro a decembro, e non poderá pasar dese mes, por iso é preciso adiantar o primeiro pago a antes de outubro.

Ao tempo, o concelleiro anunciou que chegou a un acordo coa patronal do pequeno e mediano comercio de Pontevedra para baixar nun 2% o recibo da auga e nun 1,3% o de saneamento para todos os comercios e despachos profesionais que non cheguen a consumir o mínimo, é dicir, non cheguen aos 45 metros cúbicos ao mes.

Esta medida tamén entraría en vigor a partir do ano 2014.